estado do tempo
Hoxe é martes 22 de maio, temos 20ºC e prevese parcialmente nubrado en Santiago de Compostela

Festas e Tradicións

Aínda cando co paso do tempo perderon parte das funcións que as orixinaron, as festas e tradicións de Santiago de Compostela conservan un alto interese cultural que, xunto co patrimonio histórico-artístico, nos fala da personalidade propia, do carácter desta cidade.

Entre as festas compostelás destacan, polo seu esplendor e proxección internacional, as do Apóstolo Santiago , patrón da cidade, e tamén de Galicia e de España. Pero cada festa ten un significado e un ambiente específicos...

Así, na terceira cidade santa católica do mundo tras Xerusalén e Roma, aínda que é de agardar que o calendario de festas estea determinado pola relixión (Nadal, Reis, Semana Santa, festas parroquiais), as celebracións teñen tamén relación co ciclo produtivo da terra, que se reflicte na profusión de festividades agrarias e gastronómicas (magosto ,“feiras de ano” da Ascensión e do Apóstolo) ou das que teñen relación co sol (San Xoán).

Con todo, o carácter relixioso e agrario orixinarios, complétanse na actualidade cunha variada programación cultural: festivais de música ou danza, teatro de rúa, actividades infantís e lúdicas, etc., que enriquecen e iluminan as celebracións tradicionais da cidade.

Particularidades das nosas festas

Glosario para entender as nosas festas:

Romaría . É un tipo característico de festa que combina a relixiosidade (misa acompañada de procesión) coa festa profana (verbena, cantinas ao aire libre, folclore -gaiteiros e muiñeiras-, etc.). Ás romarías acudían tradicionalmente os romeiros na procura dalgún favor, polo que ofrecían ao santo algún regalo ou exvoto, normalmente de cera, cuxa poxa contribúe ao mantemento do templo. Este é o caso da romaría de San Lázaro , á que aínda se levan patas de porco (uñas), tradición que deu pé a unha exquisita receita gastronómica típica da zona nos días do Santo: as uñas de porco con bertóns de col.

Bombas de palenque : En case todas as festas de Santiago se escoitan profusamente, ao longo de todo o día, as potentes bombas de palenque que recordan a todos -composteláns, visitantes e veciños das poboacións próximas- que hai festa na cidade, ao tempo que serven para honrar ao santo. Este é o papel que cumpren tamén os fogos artificiais da festa maior da cidade: a do Apóstolo Santiago.

A muiñeira (baile tradicional de Galicia), a música das gaitas , as polbeiras (paisanas que elaboran o polbo en postos ocasionais que se instalan durante as festas), as rosquilleiras ... son outras tantas tradicións que seguen sendo parte importante das festas da cidade.

Hai que destacar, ademais, a estreita relación que de sempre existiu entre as festas, sexan estas relixiosas ou pagás, e a gastronomía. Así, cada celebración posúe as súas propias tradicións e receitas gastronómicas , que falan da excelente calidade dos produtos galegos.

Principais festas