O Concello de Santiago –fundamentalmente a través do Auditorio, sede da Real Filharmonía de Galicia, e do Teatro Principal-, a Universidade e a Xunta de Galicia -co Salón Teatro, escenario do Centro Dramático Galego, a compañía pública de Galicia- son os grandes programadores públicos, cunha presenza destacada na axenda cultural diaria da cidade.
Entre os programadores culturais privados sobresaen as salas alternativas da cidade -Sala Nasa e Sala Santart-, que dedican especial atención á innovación artística e, particularmente, á dos novos creadores galegos, e que contan con propostas estábeis de teatro, danza, música, performances, monicreques, cabaré, cine independente, etc. O club de cine da cidade, o Cineclube Compostela, completa esta oferta alternativa.
Ademais están os locais nocturnos, que xeran moitas propostas culturais: ademais de música en vivo, neles pódense atopar espectáculos de cabaré, maxia, exhibicións de curtas, performances, etc. A Sala Capitol –escenario de música actual e de multitude de propostas innovadoras- e o café-concerto Dadó Dadá –dedicado ao jazz e a outras músicas de calidade- son só dous exemplos da oferta de ocio cultural das noites compostelás, nas que destaca ademais a programación continua dos pubs da cidade histórica a través da Asociación Cultural Cidade Vella, motor das noites da cidade desde hai xa moitos anos.
E ademais están os museos e as grandes salas de exhibición, que xeran periodicamente interesantes actividades culturais como complemento á súa actividade expositiva. Dos 11 museos da cidade sobresaen as actividades culturais do Centro Galego de Arte Contemporánea –CGAC-, do Museo do Pobo Galego e do Museo-Fundación Eugenio Granell e o labor de difusión cultural, a través de conferencias, recitais, presentacións, etc., da Sala Sargadelos e da Fundación Caixa Galicia.
O ambicioso proxecto cultural Cidade da Cultura de Galicia, que contará cun gran Teatro da Música, un Museo da Historia de Galicia, un Museo da Comunicación e un espazo natural de recreación chamado ‘Bosque de Galicia’, engadirá aínda máis á oferta cultural e afianzará a posición de Santiago como referente cultural de primeira orde.