estado do tempo
Hoxe é luns 21 de maio, temos 13ºC e prevese principalmente nubrado en Santiago de Compostela

Compras

Compostela, capital de compras

Por moitas razóns, Santiago, ao longo da súa historia, sempre foi un referente comercial para a súa comarca e tamén para Galicia. Desde o Medievo era moi típico visitar a cidade para facer aquelas compras necesarias que nas vilas e aldeas veciñas non era posible realizar.

Aínda que pareza estraño e pese á evolución do comercio da cidade, co tempo isto segue a ter a mesma razón de ser. A mudanza máis destacable é que agora procuramos grandes superficies, tendas especializadas, grandes marcas, mais o movemento migratorio comercial en esencia é o mesmo.

Se sumamos a isto á atracción e tradición de acollida que a cidade ten demostrado ao longo da súa historia, debido sobre todo ao fenómeno da peregrinación do camiño que leva o seu nome, podemos afirmar con rotundidade que Santiago historicamente é o que hoxe entendemos como un shopping center.

Para comprender como está configurado, na cidade, o mapa comercial, non temos máis remedio que explicalo dende unha órbita espacial, distribuíndo por zonas da cidade o eixo comercial actual. A grandes trazos, Santiago divídese en 4 amplos centros comerciais. Cada un deles ten as súas particularidades, o que lle confire maior riqueza e autenticidade. O problema será decidir onde ir a mercar. Cada centro comercial ten a súa filosofía e todos teñen as súas particularidades. O noso consello é que os visite todos para ter unha visión de conxunto da importancia comercial da nosa cidade. Atopar o que anda procurando vaille ser fácil. A elección está na súa man.