estado do tempo
Hoxe é xoves 24 de maio, temos 17ºC e prevese algo nubrado en Santiago de Compostela

3 Días en Santiago

DÍA 1

MAÑÁ

O primeiro é percorrer as rúas e prazas do casco histórico para despois entrar na Catedral. Para guiarte nesta tarefa, nas oficinas de Turismo de Santiago podes alugar unha  audioguía, ou apuntarte a unha das  visitas guiadas. Recoméndase pospoñer a entrada á  Catedral para as 12 h. para asistir á misa do peregrino, na que adoita funcionar o botafumeiro. Unha vez na basílica, non podes perder a oportunidade de visitar as cubertas da Catedral.

COMER

O primeiro día non podían faltar as típicas racións galegas: polbo á feira, empanada, navallas, mexillóns, berberechos, ou sardiñas e xoubas, se estamos en temporada, ou zorza, lacón, carne ao caldeiro, e por suposto pementos de Padrón, tamén en temporada, sempre acompañados de viños galegos e da torta de Santiago na sobremesa. Onde comer

TARDE

A primeira hora da tarde dirixímonos á Cidade da Cultura de Galicia (CdC). Non podemos perdernos a súa magnífica e singular arquitectura, obra do neoiorquino Peter Eisenman. Ademais, a Cidade da Cultura de Galicia programa interesantes exposicións temporais e actividades culturais a ter moi en conta.

De volta na zona histórica, suxerimos un paseo cara os dous principais parques e xardíns que ofrecen vistas panorámicas da zona monumental: San Domingos de Bonaval e a Alameda. O de Bonaval conta ademais con dous interesantes museos. Alí está o principal museo etnográfico de Galicia, o Museo do Pobo Galego, aloxado nas salas do antigo convento de San Domingos de Bonaval, con preciosa igrexa gótica e a fantástica escaleira barroca de espiral tripla.

Tamén en Bonaval está o museo CGAC -Centro Galego de Arte Contemporánea-, notábel tanto polo seu contido como polo contedor, deseñado polo arquitecto portugués de renome internacional Álvaro Siza. Ámbolos dous museos teñen en común o parque de San Domingos de Bonaval, que ocupa a que foi finca conventual e proporciona vistas únicas do Santiago histórico.

Antes de cear, dirixímonos ao céntrico parque da Alameda o máis señorial e querido da cidade, e un miradoiro privilexiado da zona histórica: desde alí temos a mellor foto frontal da Catedral sobresaíndo no horizonte.

CEAR

Cociña de autor nalgún dos restaurantes da exquisita nova gastronomía galega. Onde comer

NOITE

Para a primeira velada, unha copa tranquila nalgún dos pubs clásicos composteláns, por suposto. Saír de noite

 

DÍA 2

MAÑÁ

O fotoxénico Mercado de Abastos é o principal e máis tradicional da cidade e o lugar máis visitado despois da Catedral: un mercado moi auténtico que fala da gastronomía –hai infinitos peixes e mariscos frescos, pero tamén froitas, verduras, flores, queixos, etc.- e costumes de Galicia, nun edificio que é un monumento en si mesmo.

Exceptuando os domingos, abre todos os días pola mañá aproximadamente desde as 8.00 ata as 15.00 horas. Os días grandes, cando hai maior cantidade de vendedores e de produtos, e tamén maior afluencia de público, son os xoves e os sábados, que son tamén os días do Tour Gastronómico, unha amena visita guiada sobre a gastronomía galega, que percorre, claro está, o Mercado de Abastos, e que inclúe unha degustación.

A carón do Mercado está a Facultade de Xeografía e Historia da máis de cinco veces centenaria Universidade de Santiago, con magnífica Biblioteca e Paraninfo, visitábeis coas Visitas guiadas á Universidade, ao igual que a súa terraza, con estupenda panorámica cenital da cidade histórica.

COMER

No propio Mercado hai dous estabelecementos que non convén perderse:

1. Punto Kente: na cafetería situada nunha das naves preparan, por unha porcentaxe do prezo de compra, os produtos mercados por un mesmo: unha ocasión inigualábel para comprobar de primeira man a calidade e frescura dos produtos galegos;

2. Abastos 2.0: no pequeno restaurante “chic” situado nas casiñas da parte exterior, practican a súa xa famosa “cociña sen neveira”: cada día escollen os mellores produtos frescos do Mercado para ofrecerchos directamente no prato en forma de deliciosas mini-preparacións.

Se aínda quedaches con fame, sen saír da zona do Mercado, tes varios bares nos que pedir xamón, chacina e embutidos do país -chourizo, salchichón- e queixos galegos -Cebreiro, Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón-, sempre acompañados do exquisito pan de Galicia. Onde comer

TARDE

O tren turístico ofrece unha visión distinta da cidade, ademais de ser unha forma de coñecela moi relaxada e apta para todos os públicos, incluídos os nenos. A continuación, para levar un pouco de Santiago e Galicia á casa, hai que ir de compras: artesanía 100% galega, dende ourivaría, ata téxtil artesán ou delicatessen.

Santiago, que destaca pola calidade da rehabilitación levada a cabo na cidade histórica, conta cunha serie de espazos históricos inéditos, que combinan a solidez do omnipresente granito con acertadas doses de sofisticado novo deseño. Para coñecelos gozando pola súa vez das artes plásticas, merece a pena visitar algunha das galerías de arte e as sedes das fundacións presentes na zona (Granell, Torrente Ballester, Caixanova, Caixa Galicia).

Para rematar con este periplo, cómpre visitar aínda salas de exposicións en espazos de interese monumental e mesmo magníficas igrexas desacralizadas, como é o caso do Pazo de Fonseca ou da Igrexa da Universidade.

CEAR

Para a segunda noite, directos das rías galegas, fresquísimos peixes en caldeirada ou á galega, é dicir, con allada, e mariscos ao vapor ou á grella, ou tenra carne á brasa: chuletón de tenreira galega ou churrasco de porco celta con chourizos. Pero tamén podemos decidirnos por unha opción máis informal: unha ruta de tapas, para degustar tanto as de cortesía de toda a vida (crocodilos, orellas, patacas...), coma os montaditos e pintxos, como as de nova creación: a chamada cociña en miniatura. Onde comer

NOITE

Santiago de Compostela ofrece unha sorprendente programación cultural: música clásica, teatro, danza, pop, folk, concertos de pequeno formato, jam sessions, cabaré, maxia, contacontos, etc. Axenda cultural

 

DÍA 3

MAÑÁ

Varias entidades organizan excursións para coñecer Galicia comodamente desde Santiago: Fisterra e Costa da Morte, as Rías Baixas, A Coruña, o Camiño de Santiago...

En coche é posíbel realizar excursións á contorna para visitar os pazos con xardíns históricos, os mosteiros agochados en verdes bosques, e algúns pequenos núcleos fluviais que preservan intacto todo o encanto dos tradicionais pobos galegos. 

COMER

Co padal xa afeito aos sabores galegos, no terceiro día podemos experimentar cunha completa mariscada, a base de nécoras, centolas, percebes, ostras, camaróns... ou “exóticos” manxares como lamprea (só en temporada). Onde comer  

CEAR

De despedida, gastronomía española con ingredientes galegos. A tortilla con pataca galega e ovos campeiros ten aquí un sabor especial, e variantes moi saborosas cando se enche de produtos da terra –roxóns, chourizos do país, grelos, etc.-. Aínda que mediterráneos, os arroces "galeguizados" admiten con indiscutíbel éxito, tanto en paella como noutras preparacións, a achega dos profundos sabores de Galicia: tal é o caso do arroz con lumbrigante. Onde comer  

A ÚLTIMA NOITE

Non podemos marchar de Galicia sen conxurarnos contra meigas e malos espíritos cunha boa queimada, que atoparemos en moitos pubs da zona histórica.  Por suposto, tamén son de obrigada degustación as augardentes de Galicia, incluíndo o archicoñecido licor café.

Antes de retirarse, un último paseo noctámbulo polas prazas monumentais, cheas de melancolía a estas horas. O Obradoiro, có seu balcón que mira ao ocaso, o son dos pasos baixo o arco do Pazo de Xelmírez, a Quintana coa sombra do peregrino, a catedral sobresaíndo na escuridade da noite dende a Alameda, as “trece” badaladas de medianoite... Benvidas/os a Compostela! Saír de noite

Canto che gustou esta entrada?
  • 4,35714285714
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
Compárteo en:
Que opinas?
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal. aquí.