estado do tempo
Hoxe é mércores 23 de maio, temos 21ºC e prevese algo nubrado en Santiago de Compostela

Museo do Pobo Galego

O antigo convento de Santo Domingo de Bonaval, situado nun outeiro extras muros da cidade histórica, xunto ao camiño polo que os peregrinos chegaban a Compostela, acolle hoxe o Museo do Pobo Galego, que a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da cultura propia de Galicia. Nas súas salas permanentes móstranse diversos aspectos do mundo do mar, os oficios tradicionais, o campo, a indumentaria e a arquitectura popular. Dispón, ademais, de seccións de arqueoloxía, pintura e escultura galegas. Regularmente organízanse exposicións temporais de temática diversa.

O Museo do Pobo Galego constituíuse baixo os auspicios dun Padroado integrado por entidades e persoas que traballan nas distintas áreas da cultura galega e por representacións de institucións públicas e académicas. Inaugurouse en outubro de 1977, no edificio cedido polo Concello de Santiago de Compostela.

O antigo convento de Bonaval, fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán, foi reconstruído en estilo Barroco nos séculos XVII e XVIII. A parte máis notable foi proxectada polo arquitecto Domingo de Andrade. No interior pódese admirar unha orixinal escaleira helicoidal triple.

A igrexa data da época da fundación. É de estilo gótico, e sufriu diversas reformas e adicións ata o século XVI. Nela está situado o Panteón de Galegos Ilustres, no que repousan os restos da poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso R. Castelao.

Galería de imaxes

Museo do Pobo Galego Museo do Pobo Galego

Mais información

Localización
Rúa de San Pedro, 1, Santiago de Compostela, 15703
Teléfono
981 583 620
E-mail
museodopobo@interbook.net
Fax
981 554 840
Prezo
Entrada ordinaria: 3 € Entrada reducida: 1 € (maiores de 65 anos, estudantes maiores de 16 anos) Entrada gratuíta: socios do Museo, menores de 16 anos e traballadores no paro Grupos a partir de 8 persoas, ou de 4 persoas con carné de familia numerosa: 2 € por persoa Visita a exposicións temporais: gratuíta A entrada será libre para todo o público os domingos, o 18 de maio (Día dos Museos) e o 29 de outubro (aniversario do MPG).
Horario
Mar. a Sáb.: 10:00-14:00, 16:00-20:00. Dom. e festivos: 11:00-14:00. Luns: pechado
Tempada
Todo o ano


Se detecta algún erro nesta páxina, por favor comuníqueo a ot@santiagoturismo.com

Canto che gustou esta entrada?
Compárteo en:
Que opinas?
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal. aquí.