Arquitectos: Álvaro Siza, Isabel Aguirre
Data: 1989-2000
Zona: Cidade Histórica
O parque de San Domingos de Bonaval completa o conxunto integrado polo convento e o novo Centro Galego de Arte Contemporánea. Álvaro Siza, autor do CGAC, coa colaboración de Isabel Aguirre, integrou os elementos existentes no grande recinto conventual, que inclúe un xardín medicinal, diferentes ruínas, unha carballeira e o camposanto de Bonaval. Este gran espazo público dispón de elementos novos, coma os muros de pedra que definen as rampas de acceso dende o museo, de forma que parece que sempre estiveron alí, e mantén pezas existentes, como a traza do camposanto, que resultan absolutamente novas.
En toda a minuciosa construción do parque respectáronse todas as pezas arboradas, de gran porte, que contribúen decisivamente a crear a sensación de que o novo parque está marcado pola presenza dunha longa historia.
Os suxestivos percorridos a través dos diferentes espazos do parque de Bonaval ofrecen unha grande variedade de vistas. Dende os seus camiños poden contemplarse os edificios históricos do conxunto conventual, a fermosa arquitectura contemporánea do museo, a nostálxica traza do camposanto ou perspectivas excepcionais sobre a cidade de Santiago. Estes recorridos enriquécense coa presenza de varias pezas escultóricas, como as firmadas por Eduardo Chillida ou Leopoldo Nóvoa.
Siza e Aguirre evitaron poboar o parque de mobiliario convencional. A ausencia de bancos ou papeleiras de catálogo contribúen a reforzar a singularidade deste excepcional espazo.
O parque permanece sempre aberto.