estado do tempo
Hoxe é xoves 17 de maio, temos 20ºC e prevese algo nubrado en Santiago de Compostela

Facultade de Ciencias da Comunicación

 

Arquitecto: Álvaro Siza Vieira.
Data: 1993-1999.
Zona: Campus Norte.

Tras a construción do Centro Galego de Arte Contemporánea, o recoñecido arquitecto Álvaro Siza aborda o seu segundo gran edificio en Santiago de Compostela coa Facultade de Ciencias da Comunicación, no Campus Norte da Universidade compostelá.

É realmente excepcional nun edificio docente a calidade e a implicación no deseño do mestre portugués, que chegou a definir as pezas de mobiliario. Siza traballou contando coa total confianza dos responsábeis universitarios, conscientes de que, ademais dun equipamento docente, estaban xestionando a construción dunha obra arquitectónica contemporánea notábel.

Xa finalizada a obra e con ocasión dunha celebración universitaria, Siza asinou no libro de ouro da Universidade expresando o seu agradecemento pola oportunidade brindada pola institución, en concreto por "permitirme ser arquitecto", como escribiu o arquitecto galardoado co premio Pritzker.

A Facultade de Ciencias da Comunicación está composta por un longo corpo axial, ao que se conectan, en perpendicular, unha serie de volumes como a biblioteca ou a aula magna. Esta organización ofrece unha riqueza espacial ambigua e poética, como é característico na obra de Siza. Resultan especialmente memorábeis a secuencia de entrada, baixo o volume da biblioteca, apoiada nunha única pata excéntrica, e a rampla interior, aberta ao atrio de distribución, pola que se accede ás diferentes aulas. Ata o último detalle do equipamento do edificio está resolto polo arquitecto, desde os bancos das aulas ou as agarradoiras das portas ata o deseño dos elementos gráficos que indican o sexo ao que están destinados os aseos. Esta circunstancia converte un edificio docente nun notábel exemplo de obra de arte total da arquitectura contemporánea.


Galería de imaxes

Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación Facultade de Ciencias da Comunicación

Mais información

Localización
Avenida de Castelao, Santiago de Compostela, 15782
Observacións

Vititas en horario lectivo.



Se detecta algún erro nesta páxina, por favor comuníqueo a ot@santiagoturismo.com

Canto che gustou esta entrada?
Compárteo en:
Que opinas?
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal. aquí.