Arquitectos: Alfredo Freixedo Alemparte.
Data: 1999-2002.
Zona: coroa exterior.
Este edificio administrativo, sede da Consellaría de Medio Ambiente, é o resultado dun concurso arquitectónico cuxo primeiro premio recaeu na proposta do arquitecto Alfredo Freixedo. Concibido como un prisma rotundo, este edificio recolle a tradición ortodoxa do Movemento Moderno para construír un espazo de traballo eficaz e neutro. Un corpo prismático alongado, cos núcleos de comunicación e servizos nos extremos, dispón, en cada unha das súas tres plantas, de dúas bandas, abertas ás fachadas maiores e a un patio alongado central con vocación de claustro. En cada una destas áreas de traballo é posíbel modificar as súas compartimentacións para adaptalas ás múltiples esixencias de uso ás que está suxeito un edificio destas características. A cuberta plana, as fiestras corridas e a austeridade formal completan esta adscrición á modernidade.
A pel do edificio, tanto nas súas fachadas exteriores como nas interiores, é de aceiro corten, material frecuentemente utilizado por Freixedo. A inconfundíbel textura e a cor do metal oxidado dotan ao edificio dunha presenza singular, que transforma a súa aparencia neutra e abstracta nun dos fitos visuais máis destacados do último tramo do percorrido do Camiño Francés, a cuxo bordo se sitúa.
Visitas: en horario de oficina ( de 8.00 a 15.00 h, coas limitacións propias do seu uso administrativo).