estado do tempo
Hoxe é mércores 23 de maio, temos 23ºC e prevese algo nubrado en Santiago de Compostela

Santiago respirará gastronomía co Fórum Cidade

17/02/2012

Santiago respirará gastronomía co Fórum Cidade

O alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentaron no Pazo de Raxoi o Fórum Cidade, un programa de actividades gastronómicas que se celebrarán en Santiago entre o 23 e o 28 de febreiro, como complemento ao Fórum Gastronómico, que este ano ten lugar no Pazo de Congresos, do 26 ao 28 de febreiro. O alcalde e a concelleira estiveron acompañados polo presidente da Asociación Hostelería Compostela, Jesús Sordo, e o director do Fórum Gastronómico, Pep Palau.

O Fórum Cidade está concebido para todos os públicos e distribúese por todos os recunchos da cidade. No programa inclúense actividades deseñadas directamente polo Concello, a través de Turismo de Santiago, e outras actividades propostas por diferentes restaurantes e entidades que quixeron sumarse á iniciativa, facendo así un programa aínda máis amplo.

O Fórum Cidade comeza o 23 de febreiro co Fórum Tapas, no que doce gañadores de Santiago(é)tapas elaborarán unha Tapa Fórum, a un prezo de dous euros. As primeiras persoas que completen a ruta recibirán unha cea nalgún dos restaurantes participantes. Para participar hai que cubrir o cupón incluído no folleto do Fórum Cidade.

Tamén entre o 23 e o 28 de febreiro celebrarase o Fórum Noite, no que varios establecementos da cidade ofrecerán a Copa Fórum, unha copa especial que se poderá consumir a un prezo de catro euros presentando o folleto do Fórum Cidade.

Dieta atlántica, ópera e cine

Na tarde do 24 o Centro de Formación e Cultura da Asociación Hostelería Compostela acolle o obradoiro "Cociña con café", presentado polo campión galego de baristas, Óscar de Toro, e impartido polos cociñeiros Rafael García e Marcos Crespo. Tamén na tarde do 24 o Hostal dos Reis Católicos será escenario de dúas actividades consecutivas: unha charla sobre “Dieta Atlántica: Nutrición, Gastronomía, Saúde e Calidade de Vida”, na que participarán os profesores da USC representantes da Fundación Dieta Atlántica, organizadora da charla, Rafael Tojo e Rosaura Leis; e unha mostra de “Ópera e Gastronomía”, organizada polos Amigos da Ópera de Compostela, na que se establecerá unha conexión entre fragmentos de diferentes óperas clásicas, os seus autores e a gastronomía, e que incluirá unha degustación de viños da DO Valdeorras.

Na noite do 24 terá lugar a “Cinecea”, onde os participantes terán un pase privado da película “18 comidas”, que transcorre en Santiago, para a continuación degustar unha cea inspirada na película e elaborada por Pedro Roca. Neste evento estará o director do filme, Jorge Coira, con quen os asistentes poderán compartir as súas impresións.

Obradoiros para todo

O sábado 25 será un día completo, no que dende a mañá ata a noite Santiago celebrará a súa gastronomía. A mañá comeza cun "Merco e Cociño", formato xa clásico de Turismo de Santiago, no que os asistentes acuden á Praza de Abastos cun cociñeiro para facer a compra e despois ir á cociña do restaurante a preparar diferentes produtos. Nesta ocasión será con Iago Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0. 

Durante todo o día o Hostal acollerá tres catas con maridaxe, unha de cervexa Estrella Galicia con Conservas Cuca, outra de rones Bardinet con chocolates Barry Callebaut e a última de Embutidos Lalinense con Viños da DO Somontano de Bodegas Enate Saavedra Boado. Ao tempo, celebraranse dous obradoiros gastronómicos para nenos tamén no Hostal. A noite rematará con “Gustorama”, unha experiencia cinematográfica e gastronómica na que os asistentes terán que exercitar imaxinación, padal, visión e audición. Será no novo Espazo Gastrocultural do Abastos 2.0.

Cocido e Gastronovena

Un dos momentos cumio do Fórum Cidade será na mañá do día 25 na Praza de Abastos. Os cociñeiros dos tres grupos representativos da gastronomía galega, o Grupo Nove, o Grupo Gourmand e Xantares, prepararán conxuntamente un cocido entre as nove da mañá e a unha da tarde con produtos de primeira calidade cedidos pola Praza de Abastos. Será a primeira vez que os tres grupos se reúnen nun acto deste tipo, que sintetiza a unión das diferentes correntes gastronómicas de Galicia. Rematado o cocido, os asistentes poderán degustar o caldo.

Para o domingo 26 resérvase outra das actividades máis potentes do Fórum Cidade: a "Gastronovena". Dezasete cociñeiros do Grupo Nove, entre os que se atopan algúns dos posudiores da Estrela Michelín de Galicia, como Pepe Solla, Xosé Cannas ou Beatriz Sotelo, presentarán as súas elaboracións en oito establecementos da cidade. Os cociñeiros prepararán tapas de alta cociña, que se servirán a un prezo de dous euros. Finalmente, o luns 26 terá lugar o Fórum Viños, no que tamén oito establecementos ofrecerán a posibilidade de probar unha selección de viños de autor das adegas participantes no Mercado do Viño que se celebra no Fórum Gastronómico.

Toda a información do Fórum Cidade recóllese no folleto do programa, que se pode obter na oficina de información turística e na axenda desta web.

Canto che gustou esta entrada?
Compárteo en:
Que opinas?
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal. aquí.