estado do tempo
Hoxe é mércores 23 de maio, temos 23ºC e prevese algo nubrado en Santiago de Compostela

O Mercado de Abastos acollerá un punto de información do Fórum Cidade

21/02/2012

O Mercado de Abastos acollerá un punto de información do Fórum Cidade

O Mercado de Abastos será un dos puntos de referencia do Fórum Cidade, que comeza este xoves e se prolongará ata o día 28. Entre o xoves e o sábado Turismo de Santiago terá un punto de información nunha das casetas do recinto, onde se informará sobre as actividades do Fórum Cidade e da cidade en xeral. Será a primeira vez que o Mercado, o segundo lugar máis visitado da cidade polos turistas, conte cun punto de información turística.

Neste punto de información se poderán facer as reservas para participar en diversas actividades do programa, como as  catas con maridaxe ou os obradoiros gastronómicos para nenos, que se celebrarán o sábado 25 no Hostal dos Reis Católicos. Tamén se poderá adquirir a publicación infantil 'Santiago mmm... que rico!', coa que os nenos poden descubrir a cidade cumprindo unha serie de probas centradas na gastronomía. A publicación inclúe debuxos para colorear, fotos e planos. O xogo remata no Mercado de Abastos, onde os pequenos poden ver e comprender a importancia do Mercado para a cidade.

Cocido histórico e 'Carne sobre carne'

O Mercado acollerá na mañá do día 25 un momento inédito na historia contemporánea da gastronomía galega, cando o Grupo Nove, o Grupo Gourmand e Xantares preparen conxuntamente un cocido entre as nove da mañá e a unha da tarde. Será a primeira vez que os tres grupos de cociñeiros participan conxuntamente nun acto deste tipo, que sintetiza a unión e a forza das diferentes correntes gastronómicas de Galicia. Rematado o cocido, os asistentes poderán degustar o caldo. O cocido prepararase con produtos da máxima calidade, cedidos polo Mercado de Abastos, que é ademais proveedor oficial do produto fresco que se empregará nas actividades do Fórum Gastronómico.

O día 25, ás 12 da mañá, o Mercado acollerá a inauguración da exposición 'Carne sobre carne' do fotógrafo compostelán Juan Guerrero. Nesta serie fotográfica realizada na primavera do 2011, Guerrero reflexiona sobre xestos e escenas cotiás dos traballadores do matadoiro que cargan a carne dende os camións de repartición ata as carnicerías. Lonxe da fotografía documental, a exposición móstrase como unha metáfora: imaxes cunha rechamante aparencia visceral suxestionan ao espectador ata chegar a ver corpos e figuras realizando tarefas mecanizadas duras e tediosas, tarefas máis propias de seres menos humanos.

Canto che gustou esta entrada?
Compárteo en:
Que opinas?
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal. aquí.