O xoves 23 de febreiro comeza o Fórum Cidade cunha das actividades máis agardadas, o Fórum Tapas, no que doce establecementos da cidade, gañadores dalgún dos premios das pasadas edicións de Santiago(é)tapas, ofrecerán a súa Tapa Fórum, creada especificamente para o evento, a un prezo de dous euros.
Os establecementos participantes e as tapas que presentan son: Abastos 2.0, Un cacho de escacho; Acio, A nosa berza á galega; Calderón, Pescada á galega; Casal do Cabildo, Bolo do pote e lacón sobre crema de grelos e espuma de chourizo; Garum Bistró, Orella crocante; La Bodeguilla de San Lázaro, Terrina de polbo co seu cachelo; Mesón de Lázaro, Bertón con berberechos; O Catro, Disfrace de Entroido; O Curro da Parra, Ravioli de carne ó caldeiro; Puerta del Camino, Lombo de xurelo ao punto sobre escalibada ecolóxica e crema suave de allo; Tafona Casa de Xantar, Verdinas con tripa de bacallau e crestas de galo; e Tapería Castelao, Caldo galego.
No folleto do Fórum Cidade inclúese un cartón cos establecementos participantes. Haberá diferentes premios para as persoas que cubran a ruta. O folleto pode recollerse na oficina de información turística muniipal ou no punto de información que Turismo de Santiago terá a partires do xoves 23 no Mercado de Abastos.
Fórum Noite
Mañá tamén comeza o Fórum Noite, co cal varios establecementos da cidade se convertirán en puntos de reunión e ofrecerán unha Copa Fórum, creada para a ocasión, a un prezo especial de 4 euros para aquelas persoas que presenten o folleto do Fórum Cidade, a acreditación do Fórum ou a Entrada do Fórum.
Os establecementos que participan son: Atlántico, Bolengo, El Malandro, Garoa, Vaová Gastro, Vaová Gin Bar. O horario é das 22.00 ás 01.30. Ademais organizaranse exhibicións de Gin-tonics de Schweppes & Premium Gins no Malandro o xoves ás 23.00, en Amoa o venres ás 23.00, no Bolengo o sábado 25 ás 22.30, e no Garoa o martes ás 23.30.
Ademais, por mor do Fórum, tres restaurantes da cidade farán menús degustación especiais. Serán o restaurante Calderón, o Garum Bistró e o Abastos 2.0.
Toda a información do Fórum Cidade está dispoñible no folleto do programa, que se pode coller tanto na oficina de información turística como no punto de información do Mercado, onde tamén se poden facer xa as reservas para as catas con maridaxe e os obradoiros gastronómicos para nenos que terán lugar o sábado no Hostal dos Reis Católicos.