O Pazo de Raxoi acolleu a presentación de "Compostela, destino cinco estrelas", unha iniciativa da Asociación Hostelería Compostela para a promoción dos hoteis da cidade e da comarca, que conta coa colaboración de Turismo de Santiago e da Asociación de Guías Turísticos de Galicia. No acto participaron o vicepresidente de Hosteleria Compostela, Carlos Tardáguila, o xerente da asociación, Andrés Condide, e o presidente da Asociación de Guías Turísticos de Galicia, Guillermo Proupín. Tamén estaba prevista a presenza da concelleira de Turismo, Reyes Leis, pero non asitiu sumándose aos tres días de loito oficial decretados pola Xunta de Galicia polo falecemento de Manuel Fraga.
A través da campaña "Compostela, destino cinco estrelas" os hoteis asociados a Hostelería Compostela ofrecerán aos seus clientes un almorzo gratuito, un paraugas e unha visita guiada á cidade cun guía oficial da Asociación de Guías Turísticos de Galicia. A campaña ten como un dos seus obxectivos fomentar a desestacionalización do turismo en Santiago, polo que terá lugar nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e novembro de 2012, de tal xeito que se complemente o atractivo de Santiago.
"Compostela, destino cinco estrelas" será tamén un dos eixos da promoción da cidade en Fitur entre o 18 e o 21 de xaneiro, onde se distribuirán 6.000 postais da campaña. Todas as persoas que presenten estas postais nos hoteis da Asociación poderán beneficiarse das vantaxes da campaña. O outro xeito de poder acceder aos beneficios de "Compostela, destino cinco estrelas" é facendo as reservas das habitacións a través da central de reservas da asociación, na páxina www.santiagohosteleria.com.
Hostelería Compostela segue con esta iniciativa promocionando a cidade baixo o paraugas de "Compostela, destino cinco estrelas", continuando cunha liña de traballo que comenzou hai xa cinco anos. Entre outras accións, organizáronse presentacións profesionais da oferta turística da cidade en Valladolid, Salamanca e Oviedo, onde tamén houbo demostracións da calidade da oferta gastronómica da cidade e se proxectou o vídeo promocional de Turismo de Santiago "Santiago é grande" (http://www.santiagoturismo.com/santiagoturismo-tv/santiago-e-grande).