O Teatro Principal acolleu o 8 de xullo a Gala de entrega de premios de SANTIAGO(é)TAPAS, o concurso de tapas de Santiago de Compostela, onde se entregaron os premios aos estabelecementos gañadores desta terceira edición. O concurso desenvolveuse este ano entre o 11 de xuño e o 4 de xullo, ampliando a súa duración nunha semana con respecto ás edicións anteriores por mor do Ano Santo. Durante os 24 días do concurso, composteláns e turistas consumiron máis de 35.000 tapas nos 56 estebelecementos participantes, que ofertaron 109 creacións distintas.
Con estes datos o concurso continúa crecendo ano tras ano, consolidándose como un evento de referencia tanto para os propios composteláns, como para os turistas que visitan a nosa cidade en busca de boa gastronomía, tal e como amosa a evolución no consumo das tapas. No ano 2008 foron 20.000, no 2009 foron 27.000 e nesta edición 35.000. Para valorar correctamente o dato deste ano, hai que ter en conta o contexto de crise económica, que está reducindo os gastos na hostalería.
Na Gala desveláronse o nome das tapas gañadores desta terceira edición de SANTIAGO(é)TAPAS. Por unha banda entregáronse tres premios outorgados polo Xurado, composto por cociñeiros, xornalistas, representantes de empresas e institucións, e nesta edición tamén pola persoa que foi seleccionada pola comunidade de internautas nun concurso que se desenvolveu no páxina do evento en Facebook. Tamén se entregaron dous premios do público: un á mellor tapa e outro á excelencia no servizo. Os premiados son:
Premios do Xurado.
Xurelo Afumado, do Calderón, “Premio Estrella Galicia á Mellor Tapa”, dotado con 2.500 euros, unha viaxe para dúas persoas a Praga e unha inserción publicitaria na revista “Culturall”.
Queixo con marmelo, de A Tafona, “Premio Asociación Hostelería Compostela á Segunda Mellor Tapa”, dotado con 1.500 euros.
Mexillon con casca, do Acio, “Premio La Casera á Terceira Mellor Tapa”, dotado con 1.000 euros.
Premios do Público.
Hamburguesa de Xoubiña, da Tapería Castelao, “Premio Turgalicia á Mellor Tapa do Público”, dotado con 1.000 euros.
El Olivo, “Premio (é)xcelente Caixa Galicia”, dotado con 500 euros.
SANTIAGO(é)TAPAS é un evento organizado por Turismo de Santiago e promovido polo Concello de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O patrocinador privado principal é Estrella Galicia e o patrocinador institucional principal é Turgalicia. Como copatrocinadores ten a La Casera, Travelplan e a Asociación Hostelería Compostela.