estado do tempo
Hoxe é xoves 24 de maio, temos 17ºC e prevese algo nubrado en Santiago de Compostela

Santiago para nenos

Cidade Patrimonio da Humanidade, Santiago de Compostela é pequena e bonita como as cidades dos contos. Ademais é tranquila, segura, moi agradábel para pasear.

A zona histórica é como un labirinto con moitos segredos. Está chea de rúas estreitas, casiñas e soportais e ten un pavimento de grandes pedras vellas coas que se pode xogar a non pisar as raias sen preocuparse polos coches, porque é toda peonil. Nas sereas prazas e praciñas hai moito espazo para xogar e cafeterías con terrazas ao aire libre. A Catedral, os antigos nomes das rúas, as gárgolas, as fontes... poden ser fascinantes para os pequenos se os adultos lles axudamos a descubrilas.

Santiago, que destaca pola súa cantidade de espazos verdes, ten uns parques estupendos. A maioría teñen randeeiras e xogos infantís, moita sombra e fontes, ríos ou estanques, onde viven os patos e peixes compostelás. Algúns están situados en zonas altas, para ver os tellados e os horizontes da cidade e facer boas fotos.

Pero Santiago ten aínda máis cousas para vós: rutas turísticas nun pequeno tren que percorre a cidade, museos interesantes para pequenos e maiores, eventos e actividades culturais para nenos, parques de ocio, actividades de aventura, excursións para descubrir os arredores... e ademais, moi preto, hai concorridas praias fluviais e está tamén o mar: as fantásticas rías de Galicia, con praias de augas tranquilas, area fina e todas as comodidades.

Os nenos son ben recibidos nos restaurantes e cafeterías da cidade. Moitos deles contan con menús infantís, aínda que quizais prefirades algúns pratos galegos que son tamén moi aptos para os padais dos gourmets pequenos.

Para aloxarvos tedes varias posibilidades: dende grandes cadeas hoteleiras a modernos apartamentos, bonitas casas completas, ou coquetos hoteis situados no casco monumental, que son tan confortábeis que vos sentiredes como na casa. E tamén os bungalós do cámping urbano, que está nun outeiro e ten vistas á cidade. E ademais están as casas de turismo rural próximas á cidade, onde gozaredes a tope da paisaxe galega.

E, no caso de que os pais precisen tempo libre, na cidade hai varias empresas que ofrecen servizo de canguros.