estado do tempo
Today is saturday 25 october, it is 11ºC and slightly cloudy in Santiago

Content not available in English. Sorry for the inconvenience

Santiago(é)tapas presenta os seus premios e novidades

23/10/2012

O concurso Santiago(é)Tapas 2012, que comeza este venres 26 de outubro e durará ata o 11 de novembro, repartirá cinco premios entre os 72 establecementos participantes que ofrezan as súas creacións a un prezo de 2 euros.

O seu xurado outorgará tres distincións. O Primeiro premio á mellor tapa do Santiago(é)Tapas conta con 2.000 euros; o Segundo, con 1.200 euros; e o Terceiro galardón é de 1.000 euros.

Ademais, o público tamén asignará dous premios. O creador da mellor tapa para o público recibirá 800 euros; e o establecemento que acade a maior excelencia para os seus visitantes acadará 500 euros.

Os galardóns coñecéronse nun acto que tivo lugar na sede da Asociación Hostelería Compostela e no que estiveron presentes Reyes Leis, concelleira de turismo, economía e mercados do Concello de Santiago; Ángel Otero, xerente para Galicia de Cash Récord, división de autoservicios maioristas de Vegalsa-Eroski; Cecilia Babarro, directora de comunicación de Estrella Galicia; Xesús Sordo, presidente de Restauración de Hostelería Compostela; e Andrés Condide, xerente da Asociación.

Todos os participantes manifestaron os seus parabéns pola boa marcha da cita e salientaron a súa importancia, tanto cualitativa como cuantitativa.

Xesús Sordo agradeceu aos patrocinadores e colaboradores a súa implicación neste evento que organiza Hostelería Compostela e que conta co patrocinio de Cash Récord, división de autoservicios maioristas de Vegalsa-Eroski; e Estrella Galicia. Santiago. Turismo e a Deputación da Coruña son colaboradores institucionais.

Os produtos  recomendados son Rioja Valserrano, Ribeiro Gran Reboreda, Mencía Alma de tinto, Xenebra Nordés  e Aceites Abril. O concurso conta coa colaboración do Mercado de Abastos de Santiago, Coca Cola, Lidl, Banco Etcheverría, Paradores, Pousadas de Compostela, Utimaq, Equip ‘ Hotel, Frutas Merca Lozano e o grupo Santiago é Noite.

Ademais, 28 empresas colaboran con produto enogastronómico, ceas degustación para 2 persoas e aloxamentos en réxime almorzo; que son algúns dos premios para o público que encha o seu tapasporte, o documento que acredita a visita aos diversos establecementos das cinco (é)tapas nas que se dividen os 72 locais que ofrecen comidas en miniatura.

Os tapasportes pódense recoller dende o xoves 25 en horario de mañá de 12:00 a 14:00 e de serán de 17:00 a 21:00 na oficina da Praza de Galicia na que tamén se entregarán os premios directos ao público e ofrecerase información .

Paquetes turísticos e Santiago(é)Noite

33 establecementos de hospedaxe da cidade de 5, 4, 3, 2 e 1 estrelas ofertan entre os días 1 e 11 de novembro un paquete especial que inclúe dous días de estancia en habitación dobre, almorzo, visita guiada á zona monumental, viaxe en tren turístico, un paraugas promocional, entrada á exposición “Gallaecia Petrea” na Cidade da Cultura e vales para a degustación de tapas no concurso, todo a prezos estandarizados.

Ademais, 17 locais da hostalería nocturna compostelá tomarán parte desta actividade. Os cócteles de Santiago(é)Noite terán un prezo de 3,50 euros para quen presente o seu tapasporte.

Santiago(é)Tapas, para celíacos

Son 21 as creacións aptas para celíacos e estarán dispoñibles en 17 establecementos pertencentes ás cinco rutas. O total de participantes é de 117 tapas e 72 locais.

A Asociación de Celíacos de Galicia, un ano máis, colabora coa organización do Santiago(é)Tapas e avala a idoneidade destas receitas para o colectivo. O traballo desta Asociación permitiu un aumento da sensibilidade a respecto desta doenza no sector hostaleiro, e na sociedade en xeral, nos últimos anos. 

As tapas aptas para persoas celíacas estarán distinguidas como tales no tapasporte, no portal web oficial www.santiagoetapas.com e no resto de recursos do concurso. Do mesmo xeito, tamén contarán con distintivo as creacións vexetarianas e as doces.

Ademais de www.santiagoetapas.com os portais da cita nas redes sociais ofrecen información, e no hashtag #santiagoetapas poderanse coñecer as impresións dos clientes que publiquen en twitter.

How much did you like this entry?
Share it on: