O convento compostelán de San Francisco, conxunto monumental fundado no ano 1214, acolle nun dos seus claustros a exposición permanente do Museo de Terra Santa. Ademais de gozar do edificio, exemplo do barroco galego, a visita supón unha oportunidade única de coñecer a cultura material e a historia do Próximo Oriente, posto que se presenta un percorrido por todos os momentos históricos do actual Estado de Israel.
A través das pezas expostas, procedentes na súa totalidade de Terra Santa, podemos coñecer períodos tan remotos como o Paleolítico e, a partir de aquí todo o proceso histórico que sufriu a zona ata a actualidade. Os fondos expostos explícannos culturas tan afastadas no tempo como imprescindibles para entender a nosa propia historia, converténdose así o museo nunha ponte cultural que enlaza as cidades de Santiago e Xerusalén, xa unidas historicamente por seren dous dos principais centros de peregrinación.
A exposición permanente do Museo de Terra Santa articulouse nas seguintes seccións: PASADO REMOTO, que inclúe os períodos desde o Paleolítico á dominación romana. PRESENTE DE TERRA SANTA, que amosa os traballos artesanais da zona realizados en nácara e madeira de oliveira que, xunto coas maquetas e principalmente a da basílica e a do Santo Sepulcro, son as pezas mais admiradas.
Desde o século I da nosa era ata a I Guerra Mundial, romanos, bizantinos, árabes e turcos foron os encargados de configurar a historia de Xerusalén, civilizacións representadas na sección XERUSALÉN COBIZADA. E baixo o epígrafe CONVIVENCIA ACTUAL amósanse as variadas relixións e culturas presentes na actual Xerusalén: xudía, musulmana e cristiá. Completan este percorrido maquetas dos edificios históricos e actuais máis significativos xunto cunha valiosa colección numismática en que podemos ver as moedas utilizadas na zona, desde as acuñadas por Alexandre Magno ata as actuais.