estado do tempo
Hoxe é xoves 23 de febreiro, temos 6ºC e prevese algo nubrado en Santiago de Compostela
  • galego
  • español
  • english
  • português
  • français
  • deutsch
  • italiano

Introducción

Suso de Toro

Esta cidade maravillosa que non existe

Soamente os santiagueses sabemos que a nosa cidade non existe.

Compostela é unha das primeiras cidades europeas, é a metrópole que deu pé ao nacemento das cidades do Camiño en Francia e na península, é o faro que guiou a xeracións de europeos e nos ensinou que os idiomas e os territorios diversos non nos separan senón que nos unen no que somos, europeos. E, agora que España saíu dun cerramento e ensimesmamento que durou séculos, podemos recordar esta lección que tiñamos esquecido, somos distintos, somos diversos e somos europeos. Compostela foi o imán que atraeu cara ao oeste a cultura europea toda, ata que o escurantismo nos pechou as portas ao norte; foi a frecha civilizadora. Aínda hoxe, sobrevivindo Santiago aos séculos como labirinto que debuxa unha mensaxe cifrada, como un coloso enterrado, aínda hoxe é unha urbe que lanza a súa mensaxe de memoria ao noso tempo e emite unha vez e outra a palabra "camiño", que significa esperanza. Todo iso é certo. Tamén é certo que é unha cidade fermosa e estraña. Tamén é certo. Pero os santiagueses sabemos que a nosa cidade non existe.

Nunca existiu, salvo nos soños da xente. Os veciños abrimos cada mañá a cidade pero non a abrimos para nós, sabemos que a cidade non é nosa, non é para ser habitada, é para ser visitada. Santiago non é para o que vive aquí, é para o que chega. Os veciños mantemos toda esta carpintería de soños, toda esta pedra luminosa e esta sombra húmida para que quen chega buscando o asombro o atope. Nós practicamos oficios varios, aparentemente mundanos, pero non servimos ao mundo; só servimos á imaxinación e á marabilla, a quen cre que o imaxinado é posíbel.

Porque Compostela non está no mundo, naceu do soño, da literatura e alí se sostén. Naceu coma un mito, unha cova luminosa, unha columna de luz que baixaba das estrelas e se afundía fonda nun sepulcro escuro, unha tumba que daría vida. O mito fíxose lenda e esa lenda viaxou por todos os camiños chamando á xente e levándoa lonxe das súas casas, seguindo unha frecha de prata na bóveda da noite, seguindo a frecha dourada do sol no seu camiño cara ao oeste, cara a onde acontece o milagre de morte e resurrección, cara a onde o sol perece cada tarde para renacer mañá. Un lugar que nos ensina que sempre existe o mañá, a esperanza.

E Compostela foi o soño, mito, lenda que se estendeu e deu pé á idea europea, o soño que queremos vivir hoxe. E deu nome a tantas cidades fillas no mundo, en Chile, en Cuba, en Arxentina. Santiago de Compostela son as palabras que queren expresar un relato denso, longo, cheo de historias e de Historia, son as palabras que argumentan o milagre. E por iso Santiago non compite con ningunha cidade, porque todas son as súas fillas e porque non vive neste mundo, vive fóra do tempo e apenas no espazo. Nun lugar chamado memoria. E por iso cada mañá os santiagueses poñemos en pé de novo a cidade renacida, para vostedes. Para os que chegan.

Suso de Toro
Escritor