O Mercado de Abastos, as rúas históricas e o Ensanche abundan en produtos gastronómicos para probar e levar. As augardentes e viños veñen xa presentados en caixas para regalo. Os embutidos e os queixos son opcións lóxicas, porque se conservan ben, e moitos negocios os empaquetan axeitadamente para a viaxe. Enlatados poden mercarse os grelos, os moluscos e ate algas galegas en conserva.
As tortas de Santiago, artesanais ou industriais, son tamén souvenirs moi populares, como as ‘pedras de Santiago' –améndoas cubertas de chocolate-, os ‘caprichos de Santiago', que resultan da doce aproximación de améndoas e merengue, e as pastillas de chocolate de produción local.
Máis opcións: a mel galega, co seu sabor a flores silvestres e un recordo de eucalipto e madeiras dos bosques; e as castañas, que poden consumirse asadas durante os paseos invernais e meterse na maleta baixo a doce forma de marron glacé.
Capítulo aparte merecen os doces monacais, elaborados polas congregacións femininas de Santiago, manufacturas que gañan un aura case anxélica cando saen do forno conventual. As benedictinas de San Paio ofrecen amendoados, pastas de té, magdalenas e tortas de Santiago. Por encargo, tamén tortas de follado e brazos de xitano. As dominicas de Belvís concentran as súas especialidades en repostería do Nadal, con manteigadas e amendoados por encargo, e o resto do ano cocen deliciosas galletas.