Durante máis dun milleiro de anos, o Camiño de Santiago conduciu aos peregrinos ata o santuario dun apóstolo da Cristiandade: Santiago o Maior. A súa tumba, descuberta unha noite do 813 no monte sagrado do Libredón, baixo unha choiva de estrelas, sería a pedra fundacional dunha prodixiosa Catedral e dunha cidade que, desde entón, atraería as pegadas dos camiñantes ata se converter nun destino co rastro e o eco de toda Europa.
Cada vez que un peregrino se bota andar polos vellos vieiros continentais do Camiño de Santiago, ponse en marcha un antigo mecanismo de busca común a toda a Cristiandade: a viaxe cara a Salvación. E, con el, volve iniciarse a experiencia profundamente humana do propio descubrimento. Así como as rutas que conducen a Santiago son moitas, múltiples son tamén as vías para o achado máis íntimo, ese que aseguran experimentar todos os peregrinos a medida que avanzan polos camiños dos encontros fortuítos ou da soidade, das voces e do silencio, da paisaxe avesía ou a seca chaira, tras unha única meta: Santiago de Compostela.