Venres e sábado de rock. Esta fin de semana o Camiño de Santiago e a música pop-rock confirman a súa unión e póñense de parto. O seu fillo 'Rock in Way Estrela Galicia' nace no emblemático Monte do Gozo para ser o gran festival de rock de Galicia: dous días, dous escenarios, máis de 20 bandas en concerto e unha programación paralela que inclúe cinema, talleres, lecer e aventura.
Nesta primeira edición destaca a presenza de The Offspring, unha das mellores bandas de rock do mundo; as lendas The Specials e The Toy Dolls, o indie de The View, a mestura de rock e electrónica de Rinôçérôse e Delorean, os directos de Bad Manners, Triángulo de Amor Bizarro, Muchachito Bombo Inferno, Tote King e Sôber, os clásicos do rock arxentino Las Pelotas e unha ampla representación galega encabezada por Siniestro Total.
E hai máis músicas: o venres no Teatro Principal, a Real Filharmonía de Galicia e seis nenos galegos e rusos ofrecerán un concerto dentro do encontro 'Peregrinos Musicais', dedicado ós novos talentos. Venres e sábado haberá novos 'Atardeceres no Gaiás' e o domingo será un día excelente para subir á Cidade da Cultura e introducir ós nenos no mundo da música clásica cos Pequeclassics. E a vindeira semana, aínda nos agarda o Festival 'Músicas da Itinerancia', que reunirá a varias formacións musicais na fermosa igrexa gótica de San Domingos de Bonaval para repasar as composicións que os xoglares levaron de aldea en aldea polos camiños de Europa.