estado do tempo
Hoxe é xoves 17 de maio, temos 15ºC e prevese parcialmente nubrado en Santiago de Compostela

Xornalistas (é)taperos

Publicado el 07/06/2011 14:12

Xornalistas (é)taperos

Este ano, por primeira vez, convidamos a dous xornalistas de fóra de Galicia a que coñecesen Santiago(é)tapas de primeira man. Foron un xornalista portugués, do Jornal de Noticias, que é o medio máis importante do norte de Portugal; e Marta Fernández Guadaño, autora de "Gastroeconomía", un dos blogs gastronómicos máis influintes de España, que se pode ler na web de Expansión.

O xornalista portugués estivo con nós a primeira fin de semana do concurso. Entre a noite do venres e o sábado percorrimos uns vinte establecementos dos participantes. Foi unha especia de loucura ir de sitio en sitio, sen moito tempo para probar as cousas con calma, pero queríamos amosarlle algo que era certo, pero que non acababa de crer: todas as tapas tiñan o mesmo prezo, dous euros. Podía contrastalo no Tapasporte, na páxina web, mesmo nas bases do concurso e no dossier de prensa que lle entregamos, pero aínda así parecíalle incrible por exemplo que as tapas de A Tafona ou do Acio ou da Tapería Castelao ou do Curro da Parra custasen apenas dous euros.

O sábado pola noite, cando xa era a nosa terceira saída de tapas en menos de vintecatro horas, xa nos dixo, un pouco saturado de comida: está ben, é certo, todas as tapas están a dous euros; agora podemos ir máis a modiño. E fumos máis a modiño e falamos da situación en Portugal, das peaxes das autovías portuguesas, do moito que lle gustaba Santiago, de que el pasara aquí unha semana xa hai bastantes anos coma corresponsal nas últimas eleccións que gañara Fraga a presidencia da Xunta, e que dende entón Santiago non paraba de evolucionar, da Cidade da Cultura, do Forum Gastronómico, no que estivo no 2010, do tremendo salto adiante que estaba dando Santiago en Gastronomía nos últimos anos, e seguimos falando e falamos durante horas nunha conversa fluida, como a que teñen dous amigos que levan anos sen verse e teñen tantas cousas que decirse que van saltando de tema en tema, resolvendo o mundo diante dunha tapa e un vaso de viño.

Marta estivo con nós xa nos últimos días do concurso. Ela é madrileña pero ten vínculos familiares con Galicia e é unha apaixoada da nosa terra e da nosa cidade. En realidade, a ela apenas houbo que explicarlle case nada sobre Santiago porque coñece a cidade e a nosa gastronomía moi ben. Por exemplo, ela é unha das "madriñas" do Abastos 2.0, establecemento que lle encanta e que cita a miudo no seu blog.

Con ela fumos aos sitios máis despaciño, parándonos nalgúns que quería coñecer porque escoitara falar deles e aínda non tivera oportunidade de estar ou indo a outros que xa coñecía pero que quería ver como estaban evolucionando e como concebían a súa participación no concurso. Pasamos un rato agradable no Calderón, onde estivo moi interesada no concepto de unha mesa por cada sala do restaurante, adaptando tamaños a número de comensais. Tamén estivemos charlando noutros sitios do Ensanche, que nesta ocasión lle atraían máis porque a Cidade Histórica a tiña máis coñecida.

Pero o interesante con Marta foi a posibilidade que tivemos de convidala a ser membro do xurado e participar na súa deliberación final, probando as dez tapas finalistas. Foi un percorrido que lle permitiu ver en apenas tres horas as creacións que o xurado de selección consideraba as mellores das 109 presentadas ao concurso. Pero tamén foi unha oportunidade para compartir experiencias e un rato agradable cos outros membros do xurado, entre os que estaban representantes cualificados do sector, puidendo ver deste xeito as tripas do concurso.

É a primeira vez que convidamos a xornalistas de fóra a coñecer de primeira man Santiago(é)tapas. Por que agardamos á cuarta edición? Pois porque nos tres primeiros anos "probamos" o concurso, fixemos un exercicio de proba e erro, vendo que cousas funcionaban ben, que cousas podíamos mellorar, que cousas era mellor descartar. Tamén foron tres anos nos que os propios establecementos viron a súa rendabilidade non so para a cidade como ferramenta de promoción, senón para eles mesmos durante as semanas do concurso. Consideramos que na cuarta edición xa estabamos listos para dar un salto máis na promoción do evento, con garantías de que os xornalistas que viñeran, quedarían encantados da súa participación. Os resultados anímannos a ser máis ambiciosos nos anos vindeiros. 

Aquí pode verse o artigo publicado en Fugas, suplemento de Jornal de Noticias.

Aquí pode verse o artigo de Marta Fernández Guadaño.

Canto che gustou esta entrada?
Compárteo en:
Que opinas?
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal. aquí.