Neste Ano Santo, no que millóns de persoas viñeron á cidade, Santiago está cumplindo con nota unha das esixencias para calquera destino turístico que pretenda ser unha referencia internacional, a da calidade hoteleira. Así polo menos o demostra o Estudo de Reputación Online de Hoteis en Destinos Urbanos 2010, que sitúa á nosa cidade como a mellor valorada de España. No estudo, elaborado por Vivential Value, analízanse 52 cidades, máis de 1.900 hoteis e máis de 800.000 opinións de usuarios nunha decena de páxinas web de hostelería e turismo.
Santiago ocupa a primeira posición da lista empatada con Girona, cun Índice de Reputación Online Hoteleira de 8,09 sobre 10. É cando menos curioso que as dúas cidades que ocupan a primeira posición sexan as cidades que acollen o Fórum Gastronómico en anos alternos. Tras Santiago e Girona veñen Burgos, cun 8,03, Valencia, cun 8,01, e Segovia, tamén cun 8,01. A media do conxunto das cidades españolas é dun 7,89.
Este logro é resultado do traballo dos hoteleiros de Santiago, que esfórzanse cada día por dar aos seus clientes un servizo da máxima calidade. É unha boa nova para a cidade, posto que a excelencia no servizo é un elemento imprescindible para fidelizar ao cliente e para manter a Santiago como unha referencia turística no futuro.