estado do tempo
Hoxe é xoves 17 de maio, temos 15ºC e prevese parcialmente nubrado en Santiago de Compostela

Blog

Publicado el 18/11/2011 14:58

En movemento

A fin de semana electoral coincide cun gran trafego nos espazos culturais de Santiago de Compostela. Da basílica milenaria ó monte Gaiás, todo está en movemento: danza o Ballet Nacional de Cuba, sucédense as proxeccións do festival Cineuropa, voan as notas do órgano da Catedral, saltan os altavoces no festival Microfest e as ideas no Laboratorio de Pensamiento Breve. Tamén os nenos andarán ocupados pola cidade que non descansa.

Publicado el 11/11/2011 14:53

Cineuropa!

Esta fin de semana entregarémonos en ollos e alma ó festival Cineuropa. Xa son 25 anos de cine independente e de autor, de estreas, de cintas recén premiadas nos mellores festivais, recompilacións temáticas e pezas pouco expostas comercialmente que, senón chegasen a Compostela da man deste evento da Concellería de Cultura, case seguramente nos perderíamos. Temos que celebralo mirando cine, cine e máis cine no Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e a Fundación NovaCaixaGalicia. Aquí está o programa. Disfrutade.

O resto da oferta da cidade pasa polo concerto de Achilifunk do sábado na sala Capitol, boas actividades infantís, teatro gratuito nos centros socioculturais, exposicións de luxo e o Laboratorio de Pensamento Breve na Cidade da Cultura. E quen prefira un domingo de acción poderá acompañar ó Obradoiro no partido de baloncesto no Multiusos do Sar.

 

Publicado el 04/11/2011 13:59

Entre a noite da moda e os soños de Chequia

Fin de semana para non parar na casa, hipnotizados polos Soños de Chequia ou enganchados á Galicia Fashion Week. Hoxe venres, por exemplo, case un cento de comercios da cidade histórica e o Ensanche abrirán as súas portas de 20.30 a medianoite, para celebrar a Compostela Fashion Night, organizada polo Concello de Santiago e as asociacións de comerciantes. Haberá descontos, promocións e agasallos que alegrarán o comezo dunha semana dedicada á moda.

Tamén hoxe comeza o Festival 'Soños de Chequia', que nos trae concertos de música popular e sacra morava, cata de produtos típicos, cine e exposicións. O venres abre co jazz fusión do Zuzana Lapcíková Quinteto en el Teatro Principal, que se prolongará cando se lles una o Felipe Villar Trío no Jazz Club Dadó Dadá.  E máis opcións para o venres: o concerto na Capitol da banda metal alemana U.D.O, e a peza satírica 'Le Frigo' no Salón Teatro, que se repetirá o sábado.

Para o sábado, 'Soños de Chequia' continúa cunha proxección de cine infantil, a degustación de viños e tapas en Abastos 2.0, a actuación de Collegium 1704 na igrexa das Ánimas, o concerto de jazz de Ondrej Havelka & his Melody Makers no Principal e unha nova sesión jam no Dadó Dadá. E ademais no Hostal dos Reis Católicos terá lugar o evento central da Galicia Fashion Week, cun desfile de moda galega e un cocktail.

Finalmente o domingo 6 xúntansenos o concerto do pianista checo Karel Kosárek na igrexa da Universidade, un novo desfile de moda no Hostal, teatro na Sala Santart e unha proxección de cine checo no Principal. E poderemos despedir a fin de semana entregándonos á sensual voz do cantante Aloe Blacc, que chega á Sala Capitol precedido polas críticas que o consagran como o posible sucesor de Marvin Gaye. Haberá que escoitalo.

Publicado el 01/11/2011 13:00

Saborosa Compostela

A Compostela de novembro é unha cidade saborosa. Unha ledicia para veciños e visitantes, que bulen para non arrefriarse e escapan da chuvia gorecéndose onde saben que os agarda un prato quente. Xa non son só os caldos fumeantes, as carnes xugosas, o marisco que luce mellor ca nunca (hai que ver cómo están este mes os berberechos!), os aromáticos chourizos, o queixo tenro ou as castañas asadas que volven a recender nas rúas. O menú compostelán de novembro é aínda máis nutritivo, porque en teatros, salas, museos e recintos atoparemos eventos á carta que satisfarán a fame de todos os espíritos nos días nubrados e nas noites cada vez máis longas do outono.

Así degustaremos a única presentación de 2011 en España do mellor cuarteto do mundo, o Emerson Spring Quartet; a beleza e a forza do Ballet Nacional de Cuba; a temporada da Real Filharmonía de Galicia, estreas de teatro e músicas de sabores diversos, dende o metal ó soul. Pero tamén, e moi especialmente, gozaremos do dilatado banquete de Cineuropa, o festival compostelán de cine independente e de autor que chega ós seus 25 anos enchéndonos a mesa de películas inesquecibles en enormes racións diarias.

Que aproveite, Santiago.

Publicado el 21/10/2011 13:54

Todos contra o frío

En Santiago unha fin de semana de frío ou chuvia -de outono ó fin- pódese vivir a plenitude con toda a familia. Hoxe, para empezar, por que non levar ós nenos á Biblioteca para un divertido obradoiro de cociña en inglés? O sábado e o domingo en Arteria Noroeste poderán ver a obra 'Rei, rei?', e o sábado terán a tradicional 'chuvia de contos' na Biblioteca e os títeres de Galitoon en el Teatro Principal.

Os maiores tampouco estaremos de brazos cruzados. O sábado, durante toda a mañá, o Festival AMAL 2011 abre os seus obradoiros de serigrafía, cociña e danza árabe. A Cidade da Cultura a mediodía ofrece o concerto do gaiteiro Patrick Molard, e pola tarde clausura o seu ciclo 'Espazos Sonoros' coa actuación do Ensemble Nova Lux. Entrada a noite, o abanico é cuádruplo: o concerto de órgano de Gianlucca Bertucci na Catedral, o da Orquestra de Cámara da Filarmónica de Colonia no Hostal, o de Revólver na Capitol e unha nova función de teatro con 'Soños' na sala Santart, que repite o domingo.

Para despedir a fin de semana, o domingo no Principal poderemos escoitar o jazz árabe de Le Trio Joubran, parte do festival AMAL que durante toda a semana entrante seguirá proxectando longametraxes, curtas, documentais e cine infantil árabe.

Publicado el 14/10/2011 13:37

Maxia, Mozart, metal e máis

Santiago vive unha fin de semana máxica, e non pola temperatura de verán que fai xa mediado outubro. Os eventos musicais e teatrais multiplícanse como as cartas nas mans dun ilusionista. E cómpre tomar decisións con la velocidad dos prestidixitadores. Hoxe venre, ás 9, ¿iremos ver 'La Colmena Científica o el café de Negrín' no Principal, o concerto folk de Kérkennai en Arteria Noroeste ou o de The Blows no Salón Teatro?

Tras unha mañá de eventos infantís -choiva de contos na Biblioteca Pública e teatro para toda a familia- o sábado vai ser difícil escoller entre o Réquiem de Mozart en la Catedral, o show do mago Juan Tamariz no Auditorio Novacaixagalicia e o concerto da diva do soul Maxine Brown na sala Capitol. A sorte é que Tamariz repite a sua 'Magia Potagia' o domingo, pero entón vólvensenos abrir tres camiños irresistibles: ¿o mago, a potencia da banda metal Symphony X ou o cuarto concerto de Brandemburgo na igrexa de San Paio? E ademais conclúe a representación teatral 'Soños' na Santart, mentres as salas e museos desbordan excelentes exposicións. Que non se diga que a fin de semana de Santiago non é máxica, como para exercitar o tentador don da ubicuidade.

Publicado el 30/09/2011 14:13

Polo mercado medieval

Santiago de Compostela é esta fin de semana un túnel do tempo cara a Idade Media. O seu mercado medieval regresa para encher as prazas monumentais de trasgos, músicos ambulantes, nobles, encantadores de serpes, artesáns, bufóns e vendedores de milagres. As actividades, que se suceden a todas horas entre as 11 e as 22 horas ata o domingo, inclúen a caza dodragón, bailes chegados de países lonxanos e espectáculos de maxia, música e fogo.

Se o venres o Auditorio ofrece a segunda e derradeira función de O Barbeiro de Sevilla coas entradas esgotadas, o sábado aínda hai oportunidade de subir á Cidade da Cultura e disfrutar do recital lírico do ciclo 'Espazos Sonoros'. O sábado nenos e maiores estarán de noraboa polo comezo do Festival Internacional de Monicreques 'Galicreques', que na súa edición de 2011 convoca a numerosas compañías españolas e latinoamericanas para shows ao aire libre e baixo teito, empezando cunha dobre tanda de El Patito Feo.

Máis de 30 exposicións das máis diversas temáticas agárdannos tamén nas galerías e museos para unha espectacular primeira fin de semana de outubro.

Publicado el 16/09/2011 14:58

Chegan os trobadores

Esta fin de semana a fermosa igrexa gótica de San Domingos de Bonaval será o escenario do festival de música medieval ‘Músicas da Itinerancia’, que forma parte do programa de celebración dos 800 anos da consagración da Catedral de Santiago.

Baixo o título ‘Trobadores galegos medievais e a súa época’, os concertos diarios a cargo de formacións de Dinamarca, Suíza, Alemaña, Francia e España recollen as composicións musicais que os xoglares levaron de aldea en aldea polos camiños de Europa, con especial énfase na lírica medieval galego-portuguesa e a súa abundante produción de cantigas de amor, de escarnio, de amigo ou de ‘maldizer’.

Máis para facer? Asistir o venres á segunda función de 'American Café', levar ós nenos a unha nova 'Choiva de contos' ou asistir ás numerosas exposicións que salpican galerías e museos da cidade.

 

Publicado el 09/09/2011 13:29

Polos camiños do rock

Venres e sábado de rock. Esta fin de semana o Camiño de Santiago e a música pop-rock confirman a súa unión e póñense de parto. O seu fillo 'Rock in Way Estrela Galicia' nace no emblemático Monte do Gozo para ser o gran festival de rock de Galicia: dous días, dous escenarios, máis de 20 bandas en concerto e unha programación paralela que inclúe cinema, talleres, lecer e aventura.

Nesta primeira edición destaca a presenza de The Offspring, unha das mellores bandas de rock do mundo; as lendas The Specials e The Toy Dolls, o indie de The View, a mestura de rock e electrónica de Rinôçérôse e Delorean, os directos de Bad Manners, Triángulo de Amor Bizarro, Muchachito Bombo Inferno, Tote King e Sôber, os clásicos do rock arxentino Las Pelotas e unha ampla representación galega encabezada por Siniestro Total.

E hai máis músicas: o venres no Teatro Principal, a Real Filharmonía de Galicia e seis nenos galegos e rusos ofrecerán un concerto dentro do encontro 'Peregrinos Musicais', dedicado ós novos talentos. Venres e sábado haberá novos 'Atardeceres no Gaiás' e o domingo será un día excelente para subir á Cidade da Cultura e introducir ós nenos no mundo da música clásica cos Pequeclassics. E a vindeira semana, aínda nos agarda o Festival 'Músicas da Itinerancia', que reunirá a varias formacións musicais na fermosa igrexa gótica de San Domingos de Bonaval para repasar as composicións que os xoglares levaron de aldea en aldea polos camiños de Europa.

Publicado el 02/09/2011 14:17

Setembro andante, allegro, presto

Setembro será un mes esplendoroso en Santiago. Mentres as noites e as sombras se van alongando, a cidade ponlle música ós días para vivir con intensidade as derradeiras horas do verán. No calendario conflúen o primeiro festival Rock in Way –unha nova ‘meta’ de peregrinación no Camiño de Santiago, esta vez musical: dous días de pop-rock con The Offspring, The Specials, The Toy Dolls, Rinôçérôse ou Siniestro Total- e o xa tradicional Ciclo de Lied, que acumula doce edicións. Tamén é cita grata e agardada o comezo da temporada de abono no Auditorio de Galicia, que abrirá a Real Filharmonía de Galicia cun ‘Barbiere di Siviglia’ que promete ser memorable. E nos 800 anos da consagración da Catedral, chega un festival internacional de ‘Músicas da Itinerancia’ dedicado ós trobadores galegos que botaron andar Europa adentro, e 'Peregrinos Musicais', un encontro de novos músicos rusos e españois.

Se engadimos as estreas teatrais, os concertos de In Flames e Mr. Big na Sala Capitol, as abundantes propostas da Cidade da Cultura e a oportunidade de aproveitar os postreros días de sol e os seráns frescos nas apetecibles terrazas compostelás, Santiago e setembro convértense no derradeiro e definitivo pracer deste verán.