estado do tempo
Today is thursday 31 july, it is 20ºC and partly cloudy in Santiago

Terms

1. (presentación)

O Concurso SANTIAGO(é)TAPAS naceu o ano 2008 co fin de impulsar o turismo enogastronómico en Santiago de Compostela.

O IV Concurso de Tapas de Santiago de Compostela, celebrarase do 13 de 29 de maio de 2011


2. (inscricións no concurso | condicións de participación)

2.1. Poderán participar no concurso todos aqueles establecementos de hostalería establecidos no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.

2.2. Deberán inscribirse para tal fin, entre o 18 de marzo e o 6 de abril, enviando a folla de inscrición por correo ou fax ou levándoa persoalmente á

Secretaría Técnica do Concurso
Rúa República de El Salvador, 8-3º. 15701 Santiago de Compostela.
tel: 981 56 91 94 – 981 59 23 33  | fax: 981 59 11 71 |
correo-e: etapas@santiagoturismo.com
horario: 09.00 a 14.00 e 16.00 a 19.00 horas

Xunto coa folla de inscrición entregarán tamén a/s ficha/s técnica/s, cumprimentada/s para cada unha das tapas presentadas.

2.3. Cada establecemento poderá presentar ao concurso un máximo de 3 tapas.

2.4. O prezo de venda ao público das tapas presentadas deberá ser de 2€ prezo único.

2.5. Fase previa: a campaña SANTIAGO(é)TAPAS ten como un dos seus valores incentivar a cultura de tapas na cidade e fomentar a calidade das mesmas. Con este fin, antes do inicio do Concurso, un Equipo de Preselección analizará as receitas das tapas e degustará as tapas presentadas a Concurso.

Este Equipo valorará que as propostas respondan ao concepto de tapa e non serán aceptadas aquelas que en realidade sexan “racións” ou “medias racións”, as que ao seu xuízo non ofrezan unha calidade mínima e aquelas cuxa relación calidade-prezo non sexa axeitada. Tampouco serán válidas para o concurso as tapas que habitualmente se sirvan de balde nos establecementos, aínda que se realizaran pequenas modificacións das mesmas.

Este Equipo de Preselección analizará as receitas e degustará as tapas durante os días 11 e 12 de abril (concretarase día e hora a cada participante).

A mediados do mes de abril, a Organización comunicará aos establecementos a admisión ou non das tapas presentadas a Concurso. En caso de informe negativo, darase un prazo para presentar unha nova proposta ou ben a mellora da xa presentada. No caso de que non se cumprisen os requisitos mínimos, a tapa poderá ser excluída do Concurso.

2.6. As tapas admitidas deberán figurar na oferta habitual do establecemento como mínimo durante os días de celebración do Concurso (do 13 ao 29 de maio), exceptuando os días oficiais de peche do establecemento, que deberán ser detallados na ficha que se xunta. Pasado o Concurso, as tapas presentadas poderán seguir formando parte da oferta de cada establecemento.

2.7. Os establecementos participantes servirán as tapas como mínimo entre as 13:00 e as 15:00 e entre as 20:30 e as 23:00 horas. Os establecementos poderán ampliar este horario, pero en ningún caso reducilo. Os establecementos que por algunha causa xustificada non poidan cumprir o horario establecido, deberán comunicarllo por escrito á Organización que, de ser o caso, autorizará por escrito as posibles variacións no horario oficial do Concurso.

2.8. Os establecementos participantes, unha vez confirmada a mediados de abril a admisión das tapas presentadas por parte da Organización, deberán aboar unha cota de inscrición de 100,00 euros + 18% de IVE.

No caso dos establecementos que participasen na campaña nas edicións do 2008, 2009 ou 2010 terán unha bonificación do 50% (50,00 euros + 18% de IVE) na devandita cota de inscrición. Formas de pagamento: a) en efectivo; b) por transferencia bancaria ao nº de conta de Caixa Galicia 2091-0375-85-3044008707, indicando no concepto: Santiago (é)tapas + Nome do establecemento. Non se fará efectiva ningunha inscrición que non se acompañe do recibo do pagamento da cota.

2.9. A Organización estabelece o número de locais participantes nun máximo de 50, inscritos por rigorosa orde de inscrición. No caso de que a demanda de participantes sexa moi elevada abrirase unha lista de espera, mantendo o mesmo criterio de orde de inscrición, e en previsión de que algún dos 50 primeiros inscritos non cumpra cos requisitos establecidos. A Organización resérvase o dereito a aumentar o nº de participantes final en función da demanda.

2.10. Todos os establecementos participantes están obrigados a acudir á sesión fotográfica das tapas previa ao inicio do Concurso (lugar, data e hora por determinar). A Organización facilitará un fotógrafo para tal fin.

2.11. Ademais, os establecementos participantes deberán:
•    Colaborar en todas as accións de comunicación, prensa e relacións públicas do evento.
•    Selar a todos os clientes que o precisen, co seu correspondente selo na súa ruta do Tapasporte (ver apartado 6 destas Bases), logo de consumir a tapa específica do concurso e ter votado. O selo do concurso, no que figurará o nome de cada establecemento, será facilitado pola Organización.
•    Exhibir nun lugar visible do interior do establecemento o distintivo que identificará aos participantes no concurso SANTIAGO(é)TAPAS.*
•    Colocar, nun lugar visible e accesible, a urna deseñada ao efecto, na que o público depositará os votos que lle outorga a cada tapa.*
•    Dentro do establecemento, indicar e diferenciar de maneira visible na súa oferta as tapas que participen no concurso.*
•    Dar un informe final do número de tapas vendidas e colaborar coa enquisa de valoración do evento que se realizará co fin de realizar propostas de mellora para as futuras edicións do mesmo.

*O establecemento que incumpra cada unha destas regras poderá ser sancionado polo xurado con ata 0,5 puntos menos por cada regra incumprida.
 
2.12. Ao igual que o pasado ano, Santiago(é)tapas 2011 contará con BEBIDAS OFICIAIS, coas seguintes categorías:

•    Viño branco oficial.
•    Viño tinto oficial.
•    Cervexa oficial.
•    Auga oficial.
•    Refresco oficial.

A Organización resérvase o dereito a introducir categorías adicionais e/ou ofertas multiproduto nalgunha/s da categoría/s.

Pola consumición das BEBIDAS OFICIAIS do concurso, os participantes recibirán 2 cuños do establecemento correspondente e un adhesivo para colocar na zona do Tapasporte dedicada ás BEBIDAS OFICIAIS e optarán a premios máis substanciosos que o resto dos participantes.

Para elo haberá unha acción de marketing, o GASTROBINGO, que incentivará e premiará o consumo destas BEBIDAS OFICIAIS, co dobre obxectivo de fidelizar ao público e de que este reclame as BEBIDAS OFICIAIS, e de garantir a esponsorización  do Concurso.

Os establecementos participantes poden optar a participar ou non no GASTROBINGO. Os que decidan participar deberán ter na súa oferta todas as BEBIDAS OFICIAIS, e só nestes establecementos os usuarios poderán obter os 2 cuños e os adhesivos para completar así o GASTROBINGO. (A Organización enviará aos participantes á maior brevidade posible información concreta sobre as Bebidas Oficiais do concurso).

O feito de que o establecemento non decida participar no GASTROBINGO, NON implica que o establecemento non poida participar no Concurso.

2.13. É motivo de expulsión do concurso o incumprimento dalgunha das normas aquí establecidas.


3. (premios do concurso)

PREMIOS DO XURADO OFICIAL

Entre todas as tapas presentadas a concurso, o Xurado elixirá unha tapa gañadora para cada un dos seguintes premios:
•    Primeiro Premio do Xurado
•    Segundo Premio do Xurado
•    Terceiro Premio do Xurado

*Os premios do Xurado son excluíntes entre si: non poderán concorrer na mesma tapa.
**A Organización resérvase a posibilidade de modificar a denominación dos premios do xurado.

PREMIOS DO PÚBLICO

O público participante emitirá os seus votos nos establecementos participantes, a razón dun único voto por tapa consumida, e outorgaranse mediante votación popular os seguintes premios:

•    Premio “Tapa do Público 11”………………. Á tapa máis votada polos clientes dos establecementos participantes.
    
•    Premio do Público “(é)xcelente 11”....... Ao establecemento máis valorado polos clientes, tendo en conta o servizo (profesionalidade, rapidez, amabilidade, información facilitada da tapa/concurso), as instalacións (aparencia/orde, limpeza, conservación) e a experiencia global dos clientes. Cada un destes criterios contará cun apartado específico no pousavasos oficial do Concurso, que os clientes valorarán de 0 a 5. O resultado final dependerá da media dos tres apartados.
Contía dos premios

PREMIOS DO XURADO OFICIAL

•    Primeiro Premio do Xurado………………… Premio: 2.500 € + diploma + Páxina publicitaria na revista CULTURALL
•    Segundo Premio do Xurado ……………… Premio: 1.500 € + diploma
•    Terceiro Premio do Xurado …………………Premio: 1.000 euros + diploma

PREMIOS DO PÚBLICO

•    Premio “Tapa do Público 11”……………… Premio: 1.000 euros + diploma
•    Premio do Público “(é)xcelente 11”......Premio: 500 euros + diploma

Entre todos os establecementos participantes sortearase a inscrición completa como congresista para 2 persoas para o Fórum Gastronómico Santiago 2012. O sorteo efectuarase ante Notario.

**A Organización resérvase a posibilidade de modificar a oferta complementaria dos premios do xurado, aínda que en ningún caso se modificará a cifra en metálico dos mesmos enriba referida.


4. (funcionamento do concurso)

4.1. O concurso celebrarase do 13 ao 29 de maio (2 semanas, 17 días, 3 fins de semana).

4.2. Durante os primeiros días de celebración, os membros do Xurado Semifinalista visitarán todos os establecementos participantes e degustarán as tapas presentadas. Nesta primeira fase seleccionaranse aquelas 10 tapas que teñan máis posibilidades de gañar o concurso: as 10 tapas finalistas.

4.3. Durante os últimos días, os membros do Xurado Finalista visitarán de novo os establecementos finalistas e degustarán as tapas que superaran a primeira valoración. Nesta segunda fase escolleranse as tapas gañadoras.

4.4. O Premio á Mellor Tapa Santiago(é)tapas 2011 será outorgado á que reciba a maior puntuación de entre as 10 finalistas. A segunda e terceira máis valoradas recibirán respectivamente o Segundo e Terceiro premios do Xurado.

4.5. Os premios outorgados polo público serán entregados a aquela tapa e establecemento escollidos por votación popular. Gañarán estes galardóns a tapa (Premio “Tapa do Público 11”) e o establecemento (Premio do Público “(é)xcelente 11”) máis votados polos consumidores.

4.6. As votacións poderán realizarse nas urnas situadas nos establecementos participantes. Os cupóns de votación serán os pousavasos oficiais do concurso que se distribuirán para a ocasión. Os consumidores poderán valorar entre 0 e 5 a tapa degustada, puntuación media da que resultará o Premio Tapa do Público 11, e por outra parte, valorar de 0 a 5 o servizo, as instalacións e a experiencia global, puntuación media da que resultará o Premio (é)xcelente 11 (o resultado final dependerá da media dos tres apartados*).

4.7. En cada establecemento só se poderán votar as tapas consumidas no mesmo e o servizo/instalacións/experiencia no mesmo, en ningún caso as tapas nin o servizo/instalacións/experiencia doutro establecemento, e a razón dun único voto por tapa consumida. Os votos que non cumpran estas regras serán anulados.

4.8. Co obxecto de respectar ao máximo a decisión popular, os premios do público non son excluíntes: poden concorrer no mesmo establecemento.

4.9. O prazo de votación dará comezo o día 13 de maio e rematará o día 29 de maio, coincidindo coas datas de inicio e final do Concurso.

*Todos os datos obtidos a través do sistema de votos do Concurso serán empregados para un proxecto de investigación sobre recomendacións turísticas (Rectur), relacionado co propio Concurso de Tapas, realizado en colaboración coa Universidade de Santiago. Os datos serán tratados de forma anónima e en ningún caso afectarán ás votacións do público, sendo unicamente empregados para o citado proxecto.


5. (xurado oficial do concurso)

5.1. O Xurado Oficial (Semifinalista e Finalista) valorará as tapas en función dos criterios de puntuación propostos pola Organización para cada un dos premios establecidos. A puntuación final obterase como resultado da media da suma dos puntos obtidos de cada un dos membros. O xurado estará coordinado por un secretario/a que velará pola unanimidade nos criterios de valoración e selección. O xurado terá en conta non só a elaboración e sabor das tapas presentadas, senón tamén a súa presentación e a calidade do servizo. Así mesmo, o xurado poderá sancionar con ata 0,5 puntos a aquel establecemento que non cumpra coas indicacións da Organización no tocante á colocación dos elementos de comunicación do concurso.

5.2. O xurado estará composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, intelectuais e entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, de xeito que se garanta un veredicto que redunde na excelencia e credibilidade do concurso.
Nesta edición 2011 poderá incorporarse a este xurado unha persoa anónima que será elixida mediante unha acción de comunicación a través das redes sociais (Facebook, Twitter).

5.3. Seguindo os criterios da organización, o xurado oficial diferenciarase de dous xeitos:

a.    Un Xurado Semifinalista: será o encargado de facer a selección das 10 tapas finalistas.
b.    Un Xurado Finalista: será o xurado final que decida os premiados.


CRITERIOS DE VALORACIÓN DO XURADO

5.4. Os criterios de valoración do xurado oficial (tanto o Xurado Semifinalista como o Xurado Finalista), serán os seguintes:

a.    Elaboración da tapa, puntuarase de 0 a 5 puntos.
b.    Sabor, puntuarase de 0 a 5 puntos.
c.     Presentación, puntuarase de 0 a 5 puntos.
d.    Relación calidade-prezo, puntuarase de 0 a 5 puntos.
e.    Calidade do servizo e a súa rapidez, puntuarase de 0 a 5 puntos.
f.     Emprego de produtos de Galicia, puntuarase de 0 a 5 puntos.

Sumados todo os puntos, eliminarase a puntuación do xuíz que fixera unha valoración máis alta e a do xuíz que fixera a valoración máis baixa e farase a media aritmética das puntuacións restantes.

5.5. Como metodoloxía, o xurado NON avisará aos establecementos participantes da súa presenza, co obxecto de valorar as tapas coa maior transparencia. Iso significa que pagarán as súas tapas como calquera cliente para pasar o máis desapercibidos posible.

5.6. Queda á decisión da Organización como organizar estas visitas, dividindo en grupos ou equipos co obxecto de que se visiten todos e cada un dos establecementos.


6. (o tapasporte)

Funcionalidades e Condicións de uso do Tapasporte

•    É persoal e intransferíble. Para que o Tapasporte sexa válido deberán cubrirse todos os datos persoais que se solicitan.
•    O Tapasporte poderá recollerse nos seguintes puntos:
1.    Oficina de información turística municipal de Turismo de Santiago (Rúa do Vilar, 63).
2.    Oficina municipal de Praza de Galicia, a partir do día 12 de maio, en horario de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas todos os días.
3.    En calquera dos establecementos adheridos ao concurso SANTIAGO(é)TAPAS.
•    Para poder optar aos premios ou incentivos do Tapasporte, deberán estar selados todos os establecementos adheridos a unha ou máis (é)TAPAS ou rutas especificadas.
•    Serán (é)TAPAS ou rutas do Tapasporte aquelas configuradas por un mínimo de 6 establecementos relativamente próximos entre si. A organización do Concurso será a responsable de deseñar as rutas ou (é)TAPAS en función da distribución espacial dos establecementos participantes.
•    O período de vixencia do Tapasporte será o da duración do concurso: do 13 ao 29 de maio.
•    O establecemento estará obrigado a selarlle o Tapasporte ao usuario, unha vez que o cliente consuma a tapa ou tapas realizadas para o Concurso e efectúe a votación correspondente para o Premio do Público.

Premios para os usuarios do Tapasporte:

•    Os usuarios do Tapasporte que o presenten debidamente cumprimentado, e selado por todos os establecementos de 1 ou máis (é)TAPAS, terán dereito a un regalo seguro, progresivamente maior en función do número de (é)TAPAS completadas, ata finalización de stock.
•    Os usuarios do Tapasporte que o presenten debidamente cumprimentado, con todos os selos dos establecementos adheridos de TODAS AS (é)TAPAS ou rutas, obterán un premio especial.

A validación dos Tapasportes presentados realizarase na oficina de Praza de Galicia, de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas todos os días, entre os días 13 e 30 de maio (ambos inclusive).

Para conseguir os premios correspondentes a cada (é)TAPA, deberá presentarse o Tapasporte unha vez concluída a (é)TAPA correspondente. Non se poderán retirar os premios correspondentes ás (é)TAPAS anteriores se non se validou o Tapasporte no seu momento.


7. (o tapasporte express)

Coa finalidade de fomentar o uso do Tapasporte entre os visitantes e turistas que se atopen na cidade nas datas do Concurso, e que, debido á reducida duración da súa estadía na cidade, non teñen a oportunidade de completar as rutas, establécese o TAPASPORTE EXPRESS, que contará cun espazo específico dentro do Tapasporte oficial do Concurso.

Funcionalidades e Condicións de uso do Tapasporte Express:

•    O Tapasporte Express poderá ser cumprimentado por visitantes ou turistas que se atopen aloxados en calquera establecemento hostaleiro da cidade, cunha pernoctación mínima de 1 día.
•    O Tapasporte Express poderá obterse:
1.    Nos establecementos hoteleiros (consultar).
2.    Nos bares e restaurantes participantes.
3.    Na Oficina municipal de Praza de Galicia, a partir do día 13 de maio, en horario de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas todos os días ata a finalización do Concurso o 29 de maio.
•    Para que o Tapasporte Express teña validez deberá estar selado polo establecemento hostaleiro no que pernocten ou pola Oficina do Concurso (sita en Praza de Galicia), sempre que acrediten a pernoctación.
•    Para poder optar aos distintos agasallos, deberá presentarse debidamente cuberto na Oficina municipal de Praza de Galicia, a partir do día 13 de maio, en horario de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas todos os días, ata o 30 de maio.
•    O período de vixencia do Tapasporte Express será o da duración do Concurso: do 13 ao 29 de maio.

Premios para os usuarios do Tapasporte Express:

•    Os usuarios que cubran o Tapasporte Express con tantos selos de establecementos distintos como (é)TAPAS ou rutas teñas sido definidas pola Organización, e sempre que cada un dos establecementos pertenza a cada unha das rutas ou (é)TAPAS establecidas, terán dereito a un agasallo seguro ata  finalización de stock.


8. (o gastrobingo)

Coa finalidade de incentivar o consumo das BEBIDAS OFICIAIS xunto coas tapas do Concurso, establécese o xogo GASTROBINGO. Dentro do Tapasporte oficial do Concurso haberá un espazo específico para esta acción.

•    O GASTROBINGO poderá ser cumprimentado por calquera posuidor do Tapasporte. Este elemento irá unido indefectiblemente ao Tapasporte e non será válido se non se presenta dentro do mesmo.
•    Todos aqueles consumidores das tapas que as acompañen con algunha das BEBIDAS OFICIAIS obterán 2 cuños do establecemento e un adhesivo para cumprimentar o GASTROBINGO.
•    Aqueles consumidores que cumprimenten con 2 cuños todos os establecementos do GASTROBINGO, optarán a un premio seguro, ata finalización de stock.
•    A maiores, aqueles consumidores que presenten o GASTROBINGO con todos os adhesivos participarán no sorteo dun GRAN PREMIO. O sorteo realizarase ante Notario.


9. (acto de entrega de premios)

O fallo do xurado darase a coñecer na cerimonia ou gala de entrega de premios, o día 31 de maio de 2011 (lugar e hora por determinar) e será inapelable. Durante este acto contarase coa asistencia de establecementos participantes, autoridades e medios de comunicación.

 

Ficha de inscrición en pdf aquí