A galería de arte Espacio48 presenta a exposición 'La voluntad no lo es todo', unha mostra do traballo do artista Santi Jiménez, que permanecerá aberta ata finais do mes de marzo.
Santi Jiménez (Santiago de Compostela, 1979) licenzase en Belas Artes pola Universidade de
Vigo, na especialidade de Escultura no ano 2002. Comeza a súa andadura artística investigando
en cuestións de xénero, cunha fotografía provocativa e provocadora como base, para pasar a
elaborar fotocollages transgresores e ir progresivamente desembocando no emprego das novas
tecnoloxías como medio de expresión, levando a cabo pezas dixitais traballadas virtualmente
aínda que ao mesmo tempo dun xeito moi persoal, cunha proximidade evidente ao debuxo na
súa concepción máis tradicional, pero dende unha perspectiva moi actual.
No ano 2005 é premiado cun Accésit do IV Premio Auditorio de Galicia de Novos Artistas de
Santiago de Compostela, o que determina o seu devir no ámbito artístico. A súa traxectoria está
salpicada de mostras individuais de gran forza como a súa intervención “Sin la menor idea”, no
Espazo InSitu da Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela no ano 2007; “El
ladrón de atardeceres” na Galería Espacio48 no mesmo ano, ou “Albergues transitorios” na Zona
“C” do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela en 2008. Á súa vez, a súa obra formou
parte de múltiples mostras colectivas en galerías, museos, feiras ou certames, tanto en Galicia e
España como no estranxeiro.
En “La voluntad no lo es todo” Santi Jiménez presenta unha proposta moi persoal, cargada dun
lirismo extremo e, ante todo, moi coidada e esencial. Renuncia o artista ao superfluo, evitando
caer en excesos innecesarios que só servirían para recargar unha realidade xa de seu saturada.
Así, trae a colación sen poder evitalo uns sentimentos que alberga toda unha xeración á que
pertence, que ante a vida tan complexa e surrealista que lle tocou vivir, se reinventa e non se
detén ante as adversidades, manifestando a súa desolación e intranquilidade, pero tamén
demostrando a procura continua dunha solución. Unha solución que non pasa só pola vontade,
se non tamén polo máximo esforzo, algo que se traduce nunha consumada meticulosidade, un
perfeccionismo moi evidente, unha meditada composición, unha estudada selección cromática e,
en definitiva, nun virtuosismo de tal alcance que nos revela algo moi interesante: que o artista
non se rendeu.
Na Galería Espacio48 preséntanse polo tanto as súas últimas pezas, unha serie de debuxos
dixitais cunha forte mensaxe reivindicativa, pero ao mesmo tempo tremendamente poéticos e
desposuídos de todo artificio, sen atisbo de desesperación, a través dunha expresión privada por
completo de bagatelas, irónica e audaz; suxerente ata o extremo en que as súas representacións
dinnos máis polo que ocultan que polo que mostran abertamente.
LU-VE: 12:30 - 14:00 h, 18:30 - 21:00 h.