A Asociación A Travesa acolle ata finais do mes de febreiro 'Winter', unha exposición da artista plástica Reina D'Hoore na que se exhiben diversos traballos a tinta chinesa con plumiña inspirados na natureza.
"Winter' é a tradución do neerlandés da palabra inverno. Tomei este idioma para o título porque o meu pai é flamenco. O traballo exposto en WINTER leva xa xerándose unha tempada en min, e foi en outubro cando xa se foi materializando. Todo parte da necesidade de expresar o invisible, o que aparentemente non se ve pero que se intúe, o descanso aparente da natureza, a semente dentro da terra debaixo da neve.
Nestas obras, debuxei formas orgánicas non-figurativas a tinta chinesa con plumiña sobre branco, na súa maioría que se inspiran nun primeiro tempo da natureza, en particular a fauna dos profundos fondos mariños, creando así unha ilusión, fantasías que se cren posibles pero que igual non o son, ou si?
Trátase dun traballo suxestivo, feito a partir de moita calma e paciencia, coma se dunha meditación se tratase, como a paciencia que hai que ter para que pase o inverno, normalmente período de latencia que moitos desexamos o máis curto posible para volver á primavera chea de cores. O inverno invita a recollernos, a estar dentro de nós, a ir crecendo por dentro para poder volver saír cando o tempo se fai máis clemente. Quixen presentar a beleza deses momentos de recollemento, o traballo feito pouco a pouco, como os encaixes de palillos, tan apreciados aquí como na miña outra terra, Flandes.
Este traballo é o primeiro traballo que expoño de xeito individual despois de 5 anos, anos durante os cales me dediquei a facer obra para exposicións colectivas e dirixir o Roteiro de Creación. Moitos víronme soamente nesta faceta e para min é agora unha honra poder mostrar outra das miñas facetas, a de creadora, quizais unha das que máis me aporta a nivel persoal. Gustaríame compartir convosco eses momentos de calma que me proporcionou traballar na elaboración desta exposición".
Lu-Ve: 19-22 h.
Sa: 12-14 h, 19-22 h.
Do: 12-14 h.
Inauguración: 20.30 h.