A galería de exposicións do Araguaney Gran Hotel acolle ata mediados do mes de febreiro unha mostra de pintura do artista Sánchez Gallego. A exposición está composta por unha serie de óleos sobre tea entre os que destacan o mar, as paisaxes naturais e diferentes vistas da cidade de Santiago de Compostela.
No respectivo ao seu estilo pictórico, Sánchez Gallego combina a mestría do seu debuxo preciso e impecable, coa graza incisiva da técnica impresionista. Liñas cun deseño recreativo combínanse con pinceladas curtas e de cores sobrias na súa obra artística.
Son óleos nos que predominan os grises das pedras e montañas, as gamas azuis dos ceos, os verdes das augas mariñas…
Sánchez Galego é un pintor de Padrón, con estudos de Belas Artes, e que ós seus 76 anos de idade, continúa pintando e expoñendo as súas creacións.
A súa primeira exposición foi no ano 1968, en Sevilla. Dende entón expuxo en diferentes lugares do mundo. En 1972 os seus cadros viaxaron ata a sala de exposicións dun hotel de Suíza. Tamén mostrou a súa obra en galerías de arte da Coruña, Vigo, Ferrol, Pontevedra… e como non, en Santiago de Compostela, onde colgou os seus cadros no Círculo Mercantil, na Sala de exposicións de Caixa Galicia, na Sala de Exposicións de Caixa Postal e na Galería de Arte José Lorenzo.
En 2010 incluiuse unha obra de Sánchez Gallego na exposición conmemorativa dos 20 anos do Xacobeo, que representaba un dos tres camiños de peregrinaxe, o portugués. Tamén confeccionou, por encargo da Xunta de Galicia, tres dos grandes murais e dípticos que anunciaron os Xacobeos de 1993, 1999 e 2004. Ademáis, diversos organismos oficiais adquiriron algunhas das súas obras. O Parlamento de Galicia, o Concello de Padrón e o da Pobra do Caramiñal, entre outros, posúen varios óleos de Sánchez Gallego.
Lu-Do: 12.30-14.00 h, 18.30-21.30 h.