O artista multidisciplinar vigués Din Matamoro, que emprega todo tipo de materiais nas súas obras, amosa ata mediados do mes de marzo unha colección do seu traballo máis recente na Galería Trinta.
"Comecei en Madrid nos anos oitenta. Era moi novo. Recordo a necesidade de expresarme, de traducir a realidade facendo un alto para sorprenderme coas cousas mínimas como a luz ao mover o verde das follas ou a monumentalidade das nubes... os debuxos das formas, o imaxinado, o grandioso... "
"Coñecín a pintura mirando os mestres e enganchoume de tal maneira que aínda me retén nun estado de hipnose, sen poder saír do obradoiro. Pintar para seguir lentamente pintando, sorpresivamente acelerando o tempo, un cadro tras outro e, co último, un descubrimento. Un día pecharei o obradoiro por un tempo e lanzarei a chave ao mar".
"Creo na individualidade e peculiaridade do artista. Gústame que o meu traballo sexa un reto sendo consciente de que algúns cambios poden ser perigosos aínda que tamén valentes. Sabendo que en esencia seguirás sendo o mesmo aínda que os días pasen, o corpo cambie e a mente evolucione".
"Das pezas nas que traballo actualmente a cor xorde tímida das entrañas do branco para descubrir lentamente os seus segredos. Nalgún caso pode parecer luz proxectada sobre a superficie pictórica. Dalgún xeito é como perderse nunha néboa espesa de cor onde a mirada encontra outros matices: a luz nua que borra a forma e mostra o difuso, a cor que latexa e que se expande".
Gústame que a miña mirada traspase a obra e non rebote nela. Do mesmo modo me encantaría que o espectador descubrise o ruído interno que está detrás do aparente silencio externo dos cadros que conforman a miña exposición".
L-V: 12.30-14.30 h, 17.30-21 h. Sábado: solicitar cita.