estado do tempo
Today is wednesday 22 october, it is 19ºC and slightly cloudy in Santiago

Content not available in English. Sorry for the inconvenience

Exposición colectiva de arte gallego

19/10/2011 - 30/11/2011
[Exhibitions]

A galería José Lorenzo inicia a tempada cunha exposición que reúne obras dos máis importantes artistas galegos dos últimos 200 anos. Na mostra colectiva poderanse contemplar obras de Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Maruja Mallo ou Laxeiro, entre outros grandes artistas.

Unha mostra colectiva, no espazo da praza do Toural, constitúe o punto de partida para a nova tempada da galería José Lorenzo. Obras dos máis importantes artistas galegos dos últimos 200 anos estarán presentes na exposición. De Ovidio Murguía a Urbano Lugrís e de Germán Taibo a Laxeiro. A mostra poderase visitar ata finais de novembro. A entrada é gratuíta.

As pezas áchanse repartidas entre as diferentes salas da galería. A sala 1 está dedicada, principalmente, á obra de Isaac Díaz Pardo, con óleos comprendidos entre os anos 40 e a década dos 60 do século XX. Complementan eses cadros dúas esculturas de Acisclo Manzano, coas súas características ondulacións de anatomías suxeridas.

Na sala 2 estarán expostas obras de importantes figuras da vangarda histórica galega. Nos diferentes lenzos pódese apreciar o esquematismo de Luís Seoane, a sensualidade poética de Maruja Mallo e o costumismo colorista de Manuel Colmeiro. Acompañan a estes clásicos as esculturas de Álvaro de la Vega, que exhalan unha contida tensión entre a natureza e a técnica.

Grandes obras de pintores galegos do século XIX e principios do XX figuran na sala 3 da galería. Cabe destacar, entre outros, a Serafín Avendaño, pintor realista que anticipa o impresionismo, e a Ovidio Murguía, paisaxista conciso e elegante, pero con indicios románticos. Tampouco hai que esquecer un retrato realizado por Francisco Llorens, nin un espido de Germán Taibo, que constitúe un exercicio de captación de cromatismos e texturas. Dos confíns do novecentos tamén é o compostelán Juan Luís, de quen se exhibe unha pintura alegre, de exultante colorismo. Nesta mesma sala, entrados xa no século XX, sobresaen dous magníficos lenzos costumistas de Laxeiro, que co seu aspecto sólido e abigarrado enlazan perfectamente cunha obra de Manuel Torres. Completa a sala un espléndido mural de Urbano Lugrís. Trátase dunha escena mariñeira, baleira de personaxes e cargada de poesía.

Outros dous murais de Urbano Lugrís dan acceso ao xardín de escultura. Sobresaen alí as pezas de Manuel Buciños centradas, como é habitual nel, en estilizadas figuras humanas de pervivencia clásica. Unha gargantuesca figura masculina de Ramón Conde insiste na revisión da escultura antropomorfa. Finalmente, co Xoán Piñeiro máis abstracto, tamén no xardín, ponse punto e final ao percorrido artístico pola galería José Lorenzo.

A cantidade de obra que alberga a exposición colectiva da galería José Lorenzo, onde se atopan os máis importantes nomes da arte galego contemporáneo, cumpre unha función didáctica. A mostra constitúe, para o visitante, unha síntese do que foi a plástica galega durante os últimos 200 anos. Tanto en pintura como en escultura. Por iso, todo aquel que teña interese de coñecer os grandes artistas de Galicia ten unha cita obrigada na praza do Toural de Santiago de Compostela.

More information

Start date
19/10/2011
Finish date
30/11/2011
If you detect any errors in this web, please notify ot@santiagoturismo.com
How much did you like this entry?
Share it on: