'Compostella dicitur. A cidade da catedral' é o nome da exposición que inaugura o uso público da Casa do Cabido, un dos mellores edificios barrocos de Santiago. A exposición, relacionada co oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago, está ideada coma unha viaxe ao ano 1211, ano da consagración da basílica xacobea.
A mostra está organizada polo Consorcio de Santiago, coa colaboración de Seguros Reale.
A exposición conta con dúas aplicacións interactivas que permiten recrear o aspecto da cidade en 1211. A primeira é un plano virtual a través da cal pódense coñecer os nomes das rúas, das fontes, das portas da muralla e das igrexas, así como as áreas nas que se asentaban os diferentes gremios. A outra é un paseo virtual que recrea os pasos que un peregrino tiña que dar nesa época dende a Porta do Camiño ata a súa entrada na catedral.
A mostra complétase cunha serie de paneis explicativos que permiten coñecer aspectos relacionados co aspecto urbano da Compostela medieval: as igrexas da cidade, a antiga muralla coas súas portas, os oficios e os gremios. Un apartado especial está dedicado ao abastecemento de auga, cuxo sistema aínda hoxe perdura nalgúns puntos da cidade.
Tamén conta cunha colección de reproducións de vistas e planos históricos de Santiago, así como a vista aérea de 2008, a través dos cales pódese comprobar como a fisonomía da cidade histórica permaneceu practicamente inmutable ao longo dos tempos.
A exposición respecta ao máximo a estrutura do edificio recén rehabilitado, que, deste xeito, convértese nun aspecto máis da visita. A planta baixa, abovedada, da Casa do Cabido, acolle un resume, en imaxes, do proceso de rehabilitación ao que se someteu o edificio durante os últimos meses.
Planos históricos
A visita vai permitir coñecer de primeira man moitos dos planos históricos da cidade, a través das súas reproducións. Son planos que se gardan nos arquivos municipais e da catedral e no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Destacan catro planos procedentes do Arquivo Xeral de Simancas, nos que se debuxa a antiga muralla e a vella arqueta de San Miguel, cisterna que recollía o principal canal de abastecemento de auga na cidade dende a época medieval ata ben entrado o século XVIII. Tamén se poden admirar dúas vistas de Santiago, de Pier Maria Baldi (1669) e Ramón Gil Rey (1837).
Ma-Sa: 10-14 h, 17-21 h.
Do: 11-14 h.