Durante dúas noites, o Teatro Principal ofrece unha nova oportunidade de gozar coa peza teatral escrita e dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Marián Bañobre, unha obra repleta de humor que ten como punto de partida o inicio dunha viaxe.
O punto de partida de é o inicio dunha viaxe, unha viaxe da protagonista na procura de seu pai, do cal só sabe que vive en Nova Iork e que lle manda un agasallo cada ano polo seu aniversario. Estes agasallos son tesouros para ela e constitúen un crebacabezas co que foi construíndo un mito que a acompaña no seu desenvolvemento vital. Atoparse con ese mito revélase como a vía para acadar a felicidade, pero tamén supón unha fuxida dunha vida cotiá insatisfactoria.
Ela loita. É incansable. É vitalista. E pon todas as súas esperanzas nese ser descoñecido.
A viaxe a Nova Iork é a viaxe a un mundo ideal; é a procura de algo por definir, unha interrogante vital que non sabe se será respondida.
'A filla de Woody Allen'
Dirección e textos: Santiago Cortegoso
Coreografía: Carmela Bueno
Actriz: Marián Bañobre
SINOPSE
Entra en escena unha personaxe cunha gran maleta na man.
Ao pouco, o público descobre que é a todas luces igual que Woody Allen, que se comporta coma el, que ten as mesmas teimas.
Pero ela ignora o parecido. Está perdida, ignorante do evidente, na procura dunha identidade que todos coñecemos.
Despois de anos de traxectoria como actor en compañías como Teatro de Ningures, Morcego, A factoría, Nove Dous, Balea Branca, etc; de varios textos dramáticos escritos ("0'7MOLOTOV", Premio Rafael Dieste 2.009; "Hámster", seleccionado en Magalia 2.008, publicado na RGT e estreado na Sala Triángulo de Madrid en 2.009; "Des-memoria-2", estreado por Disque Danza en 2.009, "Os Cómicos dell'Auto", estreado por Teatro de Ningures e nomeado aos María Casares 2.009, Casa O'Rei, etc...; Santiago Cortegoso promove o seu propio selo para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente.